Ir o contido principal

O Diario Oficial de Galicia publica os novos Estatutos da USC

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores os Estatutos da USC logo da aprobación deste texto no Claustro Universitario do pasado mes de outubro, completando deste xeito o proceso de adaptación á reforma da Lei Orgánica de Universidades. Con respecto a versións anteriores, os Estatutos da USC recolle modificacións de catro tipos basicamente: semánticas, que adaptan a redacción á lexislación vixente; para corrixir a obsolescencia dalgúns puntos, froito da aprobación de novas normativas ao longo ao longo da tramitación do texto; para desenvolver polo miúdo aspectos que nos estatutos se recollían de maneira xenérica; e unhas poucas, as menos, de legalidade. O novo texto estatutario da Universidade de Santiago de Compostela introduce novas garantías para a lingua galega e o seu uso na institución, de conciliación, de igualdade de oportunidades e de xénero, de integración de persoas con discapacidade ou de sustentabilidade. O capítulo de PDI inclúe a duración dos períodos de contratación e recolle como criterio para contratar a estabilización e promoción académica do persoal acreditado polas instancias externas oficiais. O estudantado atopará novos deberes e novos dereitos, actualizados e concordes coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. O texto contempla tamén a modificación da representación dos diversos sectores universitarios no Claustro, entre outras cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2014.