Diego Peña, un dos 30 profesores participantes no cumio europeo da química

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), Diego Peña, foi un dos 30 profesores do ámbito europeo da química convidado ao evento Honour Science & Chemistry organizado polo Consello Europeo da Industria Química celebrado en Bruxelas. Este foro reuniu tamén a estudantes de doutoramento de toda Europa neste eido e a líderes do sector industrial químico.
Celebrado no mesmo marco que os congresos Solvay, o Hotel Metropole de Bruxelas, e tentando reproducir a famosa foto do congreso de 1927 que reuniu aos máis grandes científicos da época e considerada a instantánea máis emblemática da historia da ciencia, no evento debateuse sobre como a química continuará cambiando a vida humana nun futuro próximo e os retos globais aos que se enfronta.
No marco do 50 aniversario do Consello Europeo da Industria Química, o profesor Peña formou parte deste evento no que se discutiu sobre como afrontar algúns dos maiores retos, como por exemplo, a sustentabilidade ou a loita contra o cambio climático.
O evento Honour Science & Chemistry está organizado polo Consello Europeo da Industria Química e pretende recuperar o espírito das famosas reunións Solvay de principios do século XX para establecer pontes entre a academia e a industria no eido da química europea. O Congreso Solvay de 1927 reuniu a Marie Curie, Albert Einstein ou Erwin Schrödinger, entre outros.
