A Dieta Atlántica é saudable, bioactiva e repercute na mellora da saúde e do benestar de toda a poboación, afirma Rosaura Leis

A profesora de Pediatría da USC Rosaura Leis Trabazo afirmou hoxe en Redondela que a da Dieta Atlántica, “a nosa dieta”, remarcou, é “saudable e bioactiva con importantes repercusións para a saúde e para o benestar da poboación, desde a infancia á ancianidade”.
A tamén coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Departamento de Pediatría no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, salientou que un “envellecemento saudable require duns hábitos de alimentación, actividade física e inactividade adecuados desde idades moi temperás, incluso desde o período previo á concepción, polo que a atención da muller en idade fértil e durante o embarazo é prioritaria, así como a do neno desde o nacemento”. Leis, acompañada de Rocío Vázquez Cobela, investigadora na Unidade de Investigación en Nutrición, Crecemento e Desenvolvemento Humano de Galicia (GALINUT) da USC, conducen este mércores en Redondela unha xornada divulgativa sobre a Dieta Atlántica , moderada polo xornalista Roberto Castro Sieiro . Pola mañá, Leis e Vázquez falaron para os estudantes dos IES Mendiño e Pedro Floriani, mentres que, xa en quenda de tarde, as dúas relatoras ofrecen na Casa da Cultura unha sesión aberta a toda a cidadanía. Respecto dos beneficios da Dieta Atlántica, Rosaura Leis fixo especial fincapé nos alimentos do mar, “por mor tanto da súa composición en micronutrintes como en ácidos graxos omega-3 de cadea moi longa e de compoñentes bioactivos”. O cerebro e a retina son os órganos máis ricos en Omega-3, precisou esta relatora, quen subliña que canto maior sexa o nivel na dieta de omega-3 no embarazo e durante a lactancia, maior será o beneficio sobre estes órganos no feto”. Leis e Vázquez lembraron que estudos sobre os procesos neurodexenerativos e de alteracións da medula espiñal, evidencian beneficios coa administración de omega-3. Verbo das enfermidades cardiovasculares, a profesa da USC destacou que “os omega-3 favorecen unha mingua dos procesos cardíacos e a súa fatalidade”. Ademais, achegou datos que evidencian “beneficios sobre a inflamación, compoñente de moitas enfermidades crónicas, así como sobre o metabolismo dos lípidos, a insulina e a síndrome metabólica, principais causas actuais de morbilidade e de morte”. Ademais, “compoñentes funcionais das froitas e das verduras, como o resveratrol do viño vermello, parecen xogar un papel positivo importante na saúde e na lonxevidade”, destacou. Consumo de alimentos por comunidades autónomas En canto ao consumo de alimentos, as relatoras salientaron que as comunidades atlánticas consumen máis pan, patacas frescas, froitas, aceite de oliva, leite desnatada, iogur, peixes (tanto azuis como brancos), moluscos e crustáceos, carne de vacún, tenreira e porco e viño tinto. As comunidades do Mediterráneo, engadiron estas dúas investigadoras, consumen máis hortalizas, queixo e cervexa. A porcentaxe de persoas maiores de 65, 85 e 100 anos nas comunidades atlánticas é máis elevado que nas mediterráneas e superior á media xeral de España, unha maior expectativa de vida que, na opinión destas investigadoras da USC, garda relación coa xenética, pero tamén coa alimentación e os estilos de vida saudables. As dúas investigadoras deixaron claro en Redondela que a conservación dos compoñentes esenciais e do modo de preparación culinaria (cocido, prancha e forno máis que fritura) da Dieta Atlántica, xunto coas melloras xenéticas tanto en alimentos do reino animal, vexetal e mariño-acuicultura, así como a incorporación de novos alimentos saudables, debe favorecer aínda máis o estado de benestar e de saúde da poboación atlántica. Os ingredientes da Dieta Atlántica tradicional Rosaura Leis e Rocío Vázquez quixeron deixar constancia durante a súa intervención de que a Dieta Atlántica tradicional se caracteriza por alimentos de tempada, frescos e minimamente procesados, abundantes froitas e verduras, peixes, moluscos e crustáceos. O consumo moderado de lácteos, de carne, de ovos, a abundancia de auga de mananciais, o consumo moderado de viño e o uso preferente do aceite de oliva son tamén elementos característicos da chamada Dieta Atlántica. A cita de Redondela é a quinta que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A próxima cita será en Verín, o venres 10 de outubro, e versará sobre o tema Tipoloxía de innovación no sector lácteo.