As dietas atlántica e mediterránea, fronte a fronte
As particularidades das dietas atlántica e mediterránea confrontaranse este xoves 6 no transcurso dunha mesa de debate na que están convidados o presidente da Fundación Dieta Mediterránea, Lluis Serra, e o responsable científico da Fundación Dieta Atlántica da USC, Rafael Tojo.
A sesión, que leva por título ‘Dieta atlántica e dieta mediterránea: saúde, calidade e felicidade’, celebrarase a partir das 19:00 horas no Centro Sociocultural Caixanova (Praza de Cervantes s/n) presentada polo reitor Senén Barro, presidente da Fundación Dieta Atlántica. Esta Fundación é un organismo creado pola USC para fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación. Foi declarada Fundación de interese sanitario e de interese galego en 2007.
Lluis SerraDoutor en Medicina e en Nutrición e Especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, Lluís Serra Majem desempeñou distintas responsabilidades na administración sanitaria catalá, en relación cos trastornos por falta de iodo, a obesidade e a educación nutricional.
Creou e dirixe dende 1988 o Centro de Investigación en Nutrición Comunitaria do Parque Científico da Universidade de Barcelona. Ademais en 1989 funda a Sociedade Española de Nutrición Comunitaria, da que é presidente entre 2000 e 2006, e cinco anos despois crea a Revista Española de Nutrición Comunitaria.
É presidente e fundador da ONG Nutrición Sen Fronteiras (2005) que impulsa un maior protagonismo e prioridade da nutrición na axenda da cooperación internacional. Tamén preside desde 1996 a Fundación Dieta Mediterránea, institución que defende e promove os valores culturais e sanitarios desta forma milenaria de alimentación. Neste mesmo senso en 1997 funda e preside a Fundación para a Investigación Nutricional con sede no Parque Científico de Barcelona, que participa en múltiples proxectos e redes europeas de nutrición e alimentación. Tamén é fundador e Presidente da Academia Española de Nutrición e Ciencias da Alimentación.
A súa traxectoria profesional e académica, sitúao como un dos máis destacados expertos nacionais e internacionais no campo da nutrición, a saúde pública e a dieta mediterránea, sendo impulsor do Primeiro Congreso Mundial de Nutrición e Saúde Pública celebrado en 2006.
Rafael Tojo SierraA traxectoria do profesor Tojo sempre estivo marcada pola súa preocupación pola nutrición da poboación española e por divulgar e informar sobre todos os valores nutricionais e culturais que achega a Dieta Atlántica. Profesor emérito da USC dende 2009, o seu traballo investigador céntrase na nutrición, especialmente no relativo á nutrición e metabolismo, obesidade, risco ateroxénico, alimentación e crecemento, nutrición escolar ou o bocio endémico en Galicia.
Na actualidade é membro do Grupo de expertos Estratexia NAOS e do Observatorio de Obesidade do Ministerio de Sanidade, da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e asesor da Estratexia PASEA da Consellaría de Sanidade, así como patrón da Fundación da Dieta Atlántica da USC e membro do Consello Científico da Estratexia THAO de prevención da obesidade infantil.
Ao longo da súa carreira dirixiu 172 tesinas e traballos de investigación tutelados, así como 39 teses de doutoramento. Os seus traballos científicos poderían resumirse en máis de 200 publicacións en revistas nacionais e preto de cen en internacionais. Presentou 263 relatorios e comunicacións a Congresos e Reunións Científicas nacionais e máis de cen internacionais. Editou 52 libros e monografías e é responsable de 19 capítulos en libros nacionais e 20 internacionais.
No apartado da investigación, o doutor Tojo dirixe e colabora en varios proxectos de investigación da Unión Europea (EURONUT, EUROGROWTH), do Consello de Europa (CAICYT, CICYT, FIS) e da Xunta de Galicia. Tamén participa e dirixe proxectos con GALINUT, FEUGA e 27 proxectos coa industria.
O seu traballo investigador foi recoñecido cos premios Premio Galicia da USC e da Xunta de Galicia, ‘Investigación en Nutrición’ da Sociedade Española de Gastroenteroloxía e Nutrición Pediátrica, numerosos premios de investigación en Nutrición ‘Suárez Perdiguero’ da Sociedade de Pediatría de Galicia, ‘Barrié da Maza’ de Investigación da Real Academia de Medicina de Galicia, ‘Dr. Marañón’ ao mellor científico no campo da alimentación da Academia Española de Gastronomía, Premio ‘PRINCI’ de investigación científica sobre alimentación e calidade de vida e Premio de investigación Deputación de Pontevedra.