O director da Área TIC da USC asiste en Barcelona á xuntanza da Comisión Sectorial da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas CRUE-TIC
O director da Área TIC da USC, Javier Franco, participa estes días na xuntanza que na Universidade de Barcelona celebra a Comisión Sectorial da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas CRUE-TIC.
Na primeira xornada do encontro, este luns 9, celebrouse unha sesión técnica dirixida a directores de informática. Modelos de referencia na xestión das TIC, a interoperabilidade para a converxencia ou a necesidade da integración de aplicativos de xestión académica ou un avance sobre o proxecto do Libro Blanco Universidad Digital 2010, foron algúns dos temas abordados nesta sesión na que participan responsables de servizos de tecnoloxías da información e das comunicacións así como vicerreitores e xestores responsables destes ámbitos. A xornada matinal completouse coa celebración dunha xuntanza da Comisión Executiva de CRUE-TIC, da que é secretario Javier Franco.
O programa previsto para a tarde deste luns acolle a primeira parte da Asemblea Sectorial CRUE-TIC e na que os distintos grupos de traballo presentarán os seus informes, agrupados por bloques temáticos dedicados a administración electrónica, planificación estratéxica, software libre ou proveedores. Ademais, nesta mesma xornada presentaranse os resultados de Universitic2008 e os traballos neste eido actualmente en marcha.
Xa na xornada do martes 10, os relatorios permitirán profundar nunha visión xeral do uso de tecnoloxías multimedia en rede no espazo universitario e nos aspectos legais para a gravación de contidos. Outros temas que se abordarán serán os relativos aos servizos síncronos e asíncronos, ademais dunha conferencia do responsable de servizos multimedia do Instituto Politécnico de Zürich, Olaf Xchule. O encontro rematará cunha mesa redonda na que se someterán a debate novas experiencias desenvolvidas por universidades españolas.