Ir o contido principal

O director da Área TIC da USC intervén este mércores nas xornadas '2.0 A nova Ágora Galega'

Trátase dunha iniciativa incluída na programación de actividades organizadas co gallo do Día de Internet

O director da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC, Javier Franco, intervirá este mércores 14 nas xornadas ‘2.0 A nova Ágora Galega’ incluídas na programación de actividades organizadas co gallo do Día de Internet, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas. O encontro celebrarase no Salón de Actos da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense.
As xornadas ‘2.0 A Nova Ágora Galega’ estará dedicada ás aplicacións das redes sociais e en xeral ás tecnoloxías da web 2.0, que están a provocar, en opinión dos organizadores, un salto de enorme magnitude no uso que os cidadáns e as empresas fan de Internet. O usuario de Internet, engaden os promotores da iniciativa, xa non é pasivo “xa non é un mero consumidor de información, senón que agora é activo, pasou a ser un xenerador de contidos, pode facer públicas con enorme facilidade as súas opinións, habilidades, inquedanzas ou iniciativas diante do mundo enteiro ou da súa comunidade”.
Javier Franco intervirá na sesión dedicada á análise das estratexias TIC na Administración e nas universidades, xunto á directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia, Helena Veiguela; ao adxunto á vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías da Universidade da Coruña, Víctor Manuel Carneiro; e ao vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade da Universidade de Vigo, Anxo Manuel Sánchez.
O programa das xornadas continuará ao redor de diversas mesas de debate nas que se prestará atención ás comunidades no desenvolvemento de proxectos de software libre, ás empresas 2.0, ás aplicacións e experiencias educativas das redes sociais e aos escritores na blogosfera.
Día de InternetDurante dezasete días, entre o 1 de maio e o 17 de maio a rede galega está a acubillar diversas iniciativas nas que se reflexiona de modo mancomunado sobre Internet, a lingua galego e o futuro. En opinión dos responsables da programación de actividades, trátase de iniciativas comprometidas coa lingua galega, “sabedores de que en Galiza a construción da Sociedade do Coñecemento precisa do galego como lingua viva”, da súa plena normalización no usos sociais, na creación cultural, nas iniciativas empresariais ou nas relacións que os cidadáns mantemos coas administracións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2008.