O director da Área TIC da USC participa estes días en Grenoble na Conferencia Anual da asociación European University Information Systems (EUNIS)
O director da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC, Javier Franco, asiste estes días na cidade francesa de Grenoble á décimo terceira conferencia anual da asociación European University Information Systems (EUNIS). Trátase dunorganismo fundado no ano 1993 que aglutina a máis de cen membros de vintedous países europeos ademais de Israel e Estados Unidos, considerado como a principal asociación europea de sistemas de información en educación superior.
No programa previsto para o venres 29, a conferencia debaterá a incorporación do director da Área TIC da USC ao Board of Directors de Eunis, comité de nove integrantes que dirixe a asociación. De producirse esta incorporación, Javier Franco converteríase no primeiro representante español do comité.
Ademais, está previsto que a profesora da USC Sara Fernández participe xunto con Antonio Fernández, da Universidade de Almería, na presentación do relatorio titulado ‘Global IT Strategic Plan for the Universities in Spain: Results and Improvment Proposals’. Neste mesmo senso, o grupo de traballo TIC da CRUE, do que Javier Franco é secretario executivo, proporá neste congreso o desenvolvemento dun traballo europeo de indicadores TIC nas universidades a partir do xa realizado en España con activa participación da USC.
EunisA asociación EUNIS pretende alentar o establecemento de vías de comunicación e colaboración entre os responsables dos sistemas de información nas institucións de educación superior, centros de investigación e organizacións afíns no ámbito xeográfico europeo. Ademais, a asociación quere fomentar o establecemento de enlaces cos principais subministradores neste campo así como con organizacións co obxecto de deseñar a axenda estratéxica para os sistemas de información no ensino superior e no eido investigador tanto nos ámbitos estatal coma europeo.
A principal actividade de EUNIS é a celebración da súa Conferencia Anual á que se engaden outras accións específicas como seminarios monográficos, un premio á Excelencia, publicacións e programas de intercambio. Neste senso, a de Santiago converterase no ano 2009 na primeira universidade española que acolla a celebración desta Conferencia Anual da asociación.
A elección da Universidade compostelá, pese a existencia previa doutras candidaturas, tivo como referente o compromiso da USC no eido galego, nacional e europeo a prol do impulso e coordinación das políticas universitarias de TIC e a súa presenza activa nos distintos foros dos distintos ámbitos xeográficos. A Conferencia Anual de EUNIS é a cita mais importante, no contorno europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vencellados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades.
Dende o ano 1995, a Conferencia Anual celebrouse en Inglaterra (Manchester), Alemaña (Dusseldorf e Berlín), Francia (Grenoble), República Checa (Praga), Finlandia (Helsinki), Polonia (Poznan), Portugal (Porto), Holanda (Amsterdam), Eslovenia (Ljubljana), Tartu (Estonia) e finalmente Grenoble na edición do presente ano. En anos próximos, a Conferencia Anual celebrarase en Aarhus (2008), Santiago de Compostela (2009) e Varsovia (2010).
A USC foi a primeira universidade española que ingresou en Eunis o pasado ano 2005, aínda que actualmente outras institucións universitarias españolas e a propia Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) forman parte desta asociación que, con sede en París, intenta dar pulo ao desenvolvemento conxunto dos sistemas de información das universidades europeas.
Ademais, a universidade compostelá foi a primeira institución con presenza no Consello (Council) de EUNIS, órgano de goberno do que forma parte desde xuño de 2006 o director da Área TIC da USC, Javier Franco, ao que tamén se sumou un representante da Universidade Politécnica de Valencia en representación de CRUE.