O director executivo de Santander Global Banking & Markets analizou o pasado venres as orixines e ramificacións da crises financeira

O Master en Dirección e Xestión do Comercio Exterior organizou o venres na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais unha conferencia para analizar os orixes e ramificacións da crise financeira. O relator Juan Antonio Pérez Campanero, director executivo de Santander Global Banking & Markets, desmenuzou as chaves da actual crise financeira internacional e destacou o impacto que está producindo na economía española.
Na súa intervención sinalou como principais causas da crise internacional as baixadas dos tipos de interese levadas a cabo polos bancos centrais nos últimos anos, o que provocou un exceso de liquidez no sistema e un menor rendemento das actividades do sector financeiro. Isto trouxo consigo a “relaxación das condicións para a concesión de créditos”, dando lugar á aparición das chamadas “hipotecas lixo e de novos produtos financeiros de alto risco e ao acrecentamento da burbulla inmobiliaria”, explicou.
Tratando de frear os efectos da crise financeira os gobernos de EE.UU. e a UE víronse obrigados a tomar “medidas extremas” que se concretaron principalmente na recapitalización da banca e doutras entidades financeiras e na extensión das garantías estatais aos depósitos e pasivos bancarios.
En opinión do experto, estas medidas, “ao seren tomadas de forma rápida e coordinada”, parecen “cribles e suficientes para poder paliar os efectos da actual crise, aínda que levará algún tempo restaurar a confianza dos inversores”. Pérez Campanero destacou que os seus efectos xa se están a notar nos mercados financeiros internacionais.
Sen embargo, advertiu, estas medidas producirán outros efectos colaterais nas economías reais dos países afectados, que verán reducido o seu potencial de crecemento como consecuencia da carga fiscal que supón a emisión de débeda pública para financiar estas intervencións. Asemade, no escenario económico a medio e longo prazo obsérvase unha tendencia cara ao crecemento dos prezos das materias primas e dos produtos enerxéticos, “o que sen dúbida contribuirá a frear, aínda máis, o crecemento destas economías”.
A situación financeira que afecta principalmente aos países occidentais vai acelerar a transición dunha economía mundial centrada en EE.UU. e a UE a outra centrada en China e o Sudeste Asiático, aventurou.
Na conferencia Pérez Campanero concretou finalmente as implicacións a curto prazo desta situación no risco de que se poida producir un colapso financeiro, especialmente en relación á moeda norteamericana, como consecuencia da baixa calidade do crédito bancario. A mais longo prazo, traerá consigo un “incremento das regulacións nacionais e internacionais dos sistemas financeiros e un cambio na importancia dos diferentes axentes financeiros, diminuirá o peso dos bancos de inversión e incrementarase a importancia dos fondos soberanos”.