Ir o contido principal

O director da Fundación Centro Superior para o Ensino Virtual, primeiro convidado do laboratorio de emprendemento do CiTIUS

O director da Fundación Centro Superior para o Ensino Virtual (FCSEV), Daniel Torres, pronunciará unha conferencia este mércores 13 na que analizará a evolución da figura do emprendedor na sociedade, reconstruída progresivamente nos últimos anos. A intervención enmárcase nunhas xornadas sobre emprendemento que organiza o Centro singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) da USC no marco do programa Emprendelab, e que comezará ás 12.00 horas no Salón de Actos do CiTIUS. Como explicará Torres, durante décadas o espírito emprendedor desbotouse por falta de ferramentas axeitadas que contribuíran ao seu desenvolvemento. Non obstante, estas ferramentas, non exclusivamente tecnolóxicas, están hoxe ao alcance de calquera persoa, e miles de emprendedores as utilizan xa como pancas de crecemento persoal e profesional. Na sesión, o director da FCSEV establecerá un intenso diálogo sobre estas cuestións, aproveitando todos os instrumentos dispoñibles para varrer as tradicionais fronteiras entre os eidos da aprendizaxe, a participación cidadá, o goberno e a innovación aberta. Daniel Torres Daniel Torres Mancera é enxeñeiro de Telecomunicacións polo Instituto de Empresa e Máster Executive MBA por ISEM (Universidade de Navarra). Dende hai 20 anos traballa no ámbito de desenvolvemento de proxectos e negocios da Sociedade da Información, tanto no sector privado coma na Administración Pública. Na actualidade dirixe a Fundación privada Centro Superior para la Enseñanza Virtual (CSEV). Antes de incorporarse a esta fundación, foi director do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, así como asesor do Secretario de Estado de Telecomunicacións. Como docente dirixiu áreas académicas en distintas escolas de negocios, colaborando asemade con numerosas organizacións non gobernamentais (ONGs). Emprendelab O laboratorio ‘EmprendeLab’ ten como obxectivo principal o fomento do emprendemento (non só empresarial, senón tamén o intraemprendemento), potenciando a través deste a valorización dos resultados de investigación así como a transferencia e o desenvolvemento da intelixencia executiva entre os novos investigadores do CiTIUS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2013.