Ir o contido principal

O director do grupo de Evolución Molecular da Universidade de Porto reflexiona nunha conferencia sobre os procesos que levan á fixación de elementos móbiles nos xenomas

Será no transcurso dunha nova sesión do ciclo de charlas sobre Xenética Médica

O director do grupo de Evolución Molecular no Instituto de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade de Porto, Jorge Vieira, intervirá este xoves, día 24, no ciclo de Xenética Médica que organiza o Grupo de Medicina Xenómica da USC.
O investigador luso abordará na súa intervención, prevista para as 13:00 horas na Aula 4 de docencia de Enfermaría do CHUS (Planta 1 do Edificio D), os procesos que levan á fixación de elementos móbiles nos xenomas, un fenómeno pouco frecuente en moitos organismos como as Drosophilas, pero xeneralizado noutros como os humanos e en moitas plantas. O xenoma humano está constituído nun 50% por este tipo de entidades xenéticas, a maior parte delas fixas. Os expertos consideran que o estudo de organismos modelo poderían permitir entender o por qué desta situación e as súas posibles consecuencias.
Jorge Vieira doutorouse baixo a dirección de Dan Hartl, prestixioso xenetista e evolucionista, cun estudo da evolución cromosómica en especies do grupo virilis de Drosophila. Posteriormente realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de Edimburgo, no laboratorio de Brian Charlesworth, onde traballou na evolución molecular dos cromosomas sexuais novos en Drosophila americana. Na actualidade, no no Instituto de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade de Porto, continúa investigando distintos aspectos da evolución dos xenomas nestas e outras especies de Drosophila.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2008.