O director de Recursos Humanos de R inaugura o curso de habilidades directivas e sociais da Aula de Práctica Empresarial da USC
O director de Recursos Humanos de R Telecomunicaciones, Santiago Vázquez Blanco, será o encargado de inaugurar este luns, día 23, o Curso de Habilidades Directivas e Sociais que organiza a Aula de Práctica Empresarial da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora da USC.
Na inauguración, ás 9:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Vázquez Blanco impartirá a conferencia 'Motivación e compromiso da mocidade ante a empresa e o traballo'.
Transformar a connotación do individuo competitivo no de individuo competente dende a etapa universitaria é o obxectivo perseguido pola Aula de Práctica Empresarial que entre marzo e abril desenvolverá este curso de habilidades directivas e sociais e un ciclo de experiencias empresariais. A iniciativa diríxese a estudantes de todas as titulacións, particularmente dos últimos anos de carreira, para o que deberán formalizar a súa inscrición antes do 18 de marzo.
No curso prestarase atención a unha serie de temas estreitamente relacionados coas habilidades laborais dos profesionais. Trataranse cuestións como a motivación persoal, o emprendemento e a creación de empresas, a entrevista de traballo como expresión dunha imaxe particular, a dirección e traballo de equipos ou a presentación eficaz dunha idea.
No seu desenvolvemento presentaranse contidos teóricos e dinámicos que propicien proceso reflexivos e promovan o descubrimento e a aplicación das habilidades adquiridas. Fundamentalmente, utilizaranse exercicios persoais, a análise de casos de éxito e o traballo en grupo.
Xa no ciclo de experiencias empresariais, entre os días 27 e 30 de abril, cada unha das xornadas estará dedicada a afondar nas particularidades de distintos modelos empresariais comezando coas empresas de base tecnolóxica e continuando co sector téxtil e da moda, empresas tradicionais ata chegar ás empresas sociais.