Ir o contido principal

O director do Servizo de Publicacións da USC participa no Simposio de ‘Revistas de letras: visibilidade, proxección, calidade’

Acude en representación da UNE cunha conferencia sobre o proxecto dixital de revistas da USC

O director do Servizo de Publicacións da USC Juan Blanco participa este xoves e o venres no Simposio de ‘ Revistas de letras: visibilidade, proxección, calidade’, representando á Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE). Blanco Valdés , contribuirá ao desenvolvemento do programa coa conferencia titulada “Inercias do pasado, esixencias do futuro: o proxecto dixital de revistas da Universidade de Santiago de Compostela”. O encontro é froito da colaboración entre a UNE a Rede de revistas científicas de América Latina e o Caribe, España e Portugal, a Universidade da Laguna e o Goberno de Canarias. Na actualidade, as editoriais universitarias españolas traballan no establecemento duns criterios que avalíen a calidade das publicacións editadas polas editoriais universitarias e, precisamente este encontro abordará a falla de valoración obxectiva nunha das áreas máis afectadas como son as Humanidades e, concretamente, as revistas científicas de Letras. Juan Blanco proporá neste encontro “unha narración dun proceso de cambio” no espazo editorial universitaria coa esperanza de atizar un “debate sempre necesario e frutífero en épocas de transición”, deixando a porta aberta a que poida servir de “orientación e incluso estímulo para quen estea pensando en procesos semellantes”. Blanco se referirá á plataforma Open Journal System (OJS), sobre a que se ten executado a transición dixital das revistas, un software estándar e internacional, desenvolvido pola iniciativa PKP (Public Knowledge Project). O responsable da edición na USC sinala as principais vantaxes desta iniciativa na simplificación e control máis eficiente de toda a xestión científica e de preimprenta; redución de custes de produción; eliminación de problemas de almacenaxe e gastos de loxística; maior impacto e visibilidade, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2012.