Ir o contido principal

O director do Servizo de Publicacións da USC presentou en Cádiz a versión española do seu Manual de edición

O director do Servizo de Publicacións da USC presentou en Cádiz a versión española do seu Manual de edición
O director do Servizo de Publicacións da USC presentou en Cádiz a versión española do seu Manual de edición

O director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Luis Blanco Valdés, presentou este mércores en Cádiz a versión española actualizada e revisada do seu libro Manual de Edición. Del original al libro (Ediciones Pirámide)publicado orixinariamente en galego en 2008 por Xerais. O libro aproveita moitas das ensinanzas que o propio Blanco puxo en práctica no Master de Edición da Universidade de Santiago que el mesmo co dirixía. A presentación tivo lugar no transcurso do II Foro Editorial de Estudos Hispánicos e Americanistas que organiza a Unión de Editoriais Universitarias Españolas e no que tamén participaron os profesores da USC Roberto L. Blanco Valdés, Ramón Villares e Pilar Cagiao. O volume, que comeza desgranando con detalle a estrutura do libro, é un perfecto manual para todas as persoas que se queiran dedicar á tarefa profesional da edición bibliográfica, con cuestións técnicas precisas necesarias para iniciar o proceso editorial co orixinal e ata que remate na impresión e encadernación. Manual de Edición. Del original al libro é “unha obra concienzuda saída das mans dun autor que coñece a materia e o ambiente en profundidade”, di José Martínez de Sousa no prólogo, que sitúa a Juan Luís Blanco e o seu manual á altura de clásicos da edición como Juan José Morato e Bringhurst. En palabras do autor, a función do editor pasa por “pensar o libro” nun proceso longo e complexo de tomas de decisión continuas nas que ir encaixando todos os seus elementos. En esencia, escoitar “as distintas linguaxes que falan todos os profesionais que forman parte do proceso e pensar nas persoas que consumirán o libro”. “Porque para facer valer a actitude do lector está precisamente o editor”, remarca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2012.