Ir o contido principal

O director da Unidade de Biocomputación do Centro Nacional de Biotecnoloxía clausura o programa do Seminario Vidal Abascal

Co título ‘Explorando como se moven as nanomáquinas moleculares responsables da vida’, o director da Unidade de Biocomputación do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB), José Mª Carazo, ofrecerá esta mércores 11 a conferencia de clausura do seminario Vidal Abascal. Será a partir das 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas.
Nesta conferencia, Carazo explicará mediante microscopía electrónica tridimensional e novos métodos de procesamento da imaxe a estrutura das máquinas macromoleculares, compostas por múltiples proteínas e ácidos nucleicos e responsables dunha gran parte da actividade celular.
José María Carazodirixe a Unidade de Biocomputación dende a súa creación en 1989. Ademais, na actualidade coordina o Nodo Computacional do Parque Científico de Madrid que se integra no Instituto Nacional de Bioinformática, plataforma tecnolóxica da fundación estatal Genoma España como nodo dedicado á xenómica e proteómica visual.
Dende 1992 codirixe tamén unha unidade de investigación mixta entre a Unidade de Biocomputación do CNB e o Departamento de Arquitectura de Ordenadores da Universidade de Málaga. A súa implicación no campo da bioloxía molecular non remata aquí, xa que é un dos fundadores de Integromics, empresa especializada no desenvolvemento de software para a xestión e a análise de datos en xenómica e proteómica.
Licenciado en Física pola Universidade de Granada en 1981, comezou o seu traballo sobre microscopía electrónica tridimensional no IBM Research Center de Madrid. En 1984, obtivo o título de doutor en Bioloxía Molecular pola Universidade Autónoma de Madrid. Bolseiro posdoutoral no Centro de Bioloxía Molecular “Severo Ochoa” de Madrid entre 1985 e 1986, permanecerá despois como investigador asociado do NYS Department of Health no Wadsworth Center de Albany (New York) ata 1989.
Ten impartido cursos sobre arquitectura de computadores na Universidade Autónoma de Madrid entre 1996 e 2002. Tamén foi vicedirector Científico do CNB entre 1997 e 2002 e subdirector xeral de Planificación e Seguimento do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía nos anos 2002 e 2003. A súa carreira ilustra as novas posibilidades que ofrecen a relación entre disciplinas con logros moi importantes na difícil fronteira entre a Bioloxía e a Ciencia da Computación.
O seminario ‘Vidal Abascal’O seminario toma o seu nome en homenaxe ao profesor Enrique Vidal Abascal, partícipe fundamental na creación do Departamento de Xeometría e Topoloxía e da Facultade de Matemáticas da USC, onde ocupou o cargo de director e decano, respectivamente, ademais de ser unha figura emblemática da matemática galega actual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2008.