O director xeral de I+D da Comisión Europea fala este venres no CEA do espazo europeo de investigación
O director xeral de I+D da Comisión Europea, José Manuel Silva, participará este venres 25 como relator no curso de posgrao en Economía e Xestión da Innovación que organiza o grupo ICEDE da Universidade de Santiago.
Na súa intervención, que terá lugar ás 16:30 horas no Centro de Estudos Avanzados (Parque de Vistalegre, Santiago), José Manuel Silva falará do espazo europeo de investigación e as súas grandes liñas de actuación.
A entrada ao evento é libre con aforo limitado. Os interesados en asistir poden poñerse en contacto a través do enderezo plamenan [at] usc.es (plamenan[at]usc[dot]es) ou no teléfono 981563100 Ext. 11653.
Economía e Xestión da innovaciónO posgrao en Economía e Xestión da Innovación, que dirixe o catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, ten como obxectivo contribuír ao fortalecemento das capacidades do sistema de innovación mediante a formación de especialistas na xestión da investigación e da innovación. Trátase así de profesionalizar e aumentar a capacidade de organización e xestión eficiente dos recursos dedicados á innovación e á creación de coñecemento.
A formación abarca todo o relacionado co deseño de proxectos de investigación, coa avaliación e xestión dos mesmos e a xestión dos seus resultados científicotecnolóxicos. Especial relevancia ten a avaliación de proxectos de innovación empresariais e a creación de empresas de base tecnolóxica. O curso tamén inclúe contidos específicos para a formación de xestores de programas nos organismos de planificación e xestión de políticas de I+D e innovación.