O director xeral de I+D da Comisión Europea presenta en Ciencias Ecónómicas o Plan Europa 2010 e os novos programas de I+D+I
O director xeral de I+D da Comisión Europea, José Manuel Silva, presentará o vindeiro mércores 9 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o Plan Europa 2010 e os novos programas de I+D+I da UE. Será a partir das 16:30 horas no Salón de Graos do centro nunha sesión incluída na programación do Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación.
Esta conferencia clausurará este posgrao, que na súa primeira edición como máster oficial formou a 20 expertos en Xestión da Investigación e da Innovación e en Desenvolvemento Rexional e Local. O vindeiro curso arrancará a segunda edición, para a que xa se abriu a preinscrición para alumnos doutros sistemas educativo. Este trámite pódese realizar do 14 de xullo ao 31 de agosto, ao que lle seguirá o proceso de matrícula do 3 ao 10 de setembro.
A Comisión Europea presentou un plan de 10 anos baseado nun crecemento "intelixente, sostible e integrador" e unha maior coordinación entre políticas nacionais e europeas. Ante a maior e máis profunda recesión da historia da UE, o Plan Europa 2020 non oculta o alcance dos desafíos a acometer. Segundo, explicará na súa presentación José Manuel Silva, a crise económica puxo ao descuberto as profundas deficiencias dunha economía que xa sufría o impacto da globalización, as presións sobre os recursos e o envellecemento demográfico. Para a Comisión, superalas dependerá de que Europa estea disposta a transformarse nunha economía máis ecolóxica, innovadora e orientada ao benestar social.
O Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación, que organiza o grupo ICEDE da USC dirixido polo catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, ten como obxectivo contribuír ao fortalecemento das capacidades do sistema de innovación mediante a formación de especialistas na xestión da investigación e da innovación. O obxectivo é profesionalizar e aumentar a capacidade de organización e xestión eficiente dos recursos dedicados á innovación e a creación de coñecemento.
Ademais, este posgrao trata de formar profesionais no ámbito do desenvolvemento económico, de aplicabilidade local e rexional, que sexan quen de deseñar e xestionar proxectos de desenvolvemento a nivel empresarial, rexional e local, e aplicar instrumentos de políticas sectoriais.