Ir o contido principal

Directores Enxeñaría Civil e colexio profesional acordan en Lugo impulsar a mobilidade estudantil e as equivalencias de formación

Participantes na reunión da Conferencia de Directores de Enxeñaría Civil de España celebrada no campus de Lugo
Participantes na reunión da Conferencia de Directores de Enxeñaría Civil de España celebrada no campus de Lugo
A adaptación dos plans de estudo ás necesidades dun sector en progresiva tecnificación e con crecente demanda de especialistas centra outra das liñas de traballo do colectivo

Directores e directoras de escolas de universidades españolas nas que se imparten títulos de Enxeñaría Civil acordan impulsar e favorecer a mobilidade estudantil en todo o territorio nacional a través da revisión e, no seu caso, ampliación do actual Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios de España (Sicue) e tamén a mediante a elaboración de táboas de equivalencias de bloques de competencias de formación entre os distintos centros universitarios.

Estas medidas figuran entre as conclusións acadadas na última reunión da Conferencia de Directores de Escolas de Enxeñaría Civil de España, un foro académico e profesional que congregou a comezos de mes na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC a representantes de 14 centros de 15 universidades españolas que imparten títulos de grao en Enxeñaría Civil e no que tamén tivo unha participación activa o Colexio de Enxeñeiros de Obras Públicas e Enxeñeiros Civís (CITOPIC).

Potenciar a visibilidade que ten en España a Enxeñaría Civil e potenciar así o coñecemento respecto do labor que desenvolven este colectivo de profesionais é outro dos compromisos adquiridos por un colectivo académico e profesional que aproveitou a xuntanza celebrada na capital luguesa para facer un recoñecemento público do importante e frutífero labor desenvolvido durante as últimas décadas na EPS de Enxeñaría a prol da formación de profesionais da enxeñaría civil, tanto a través da titulación xa extinguida de Enxeñaría de Obras Públicas, especialidade en Transportes e Servicios Urbanos, como do actual grao en Enxeñaría Civil.

As mellores expectativas que se advirten no mercado laboral cara aos próximos anos nun sector e nunha profesión en constante proceso de especialización e que require perfís técnicos cada vez máis específicos, constitúe outro dos argumentos expostos pola Conferencia de Directores de Escolas de Enxeñaría Civil para reivindicar en España o prestixio e o distintivo de calidade do que xa goza a profesión e os títulos profesionais que habilitan para ela no panorama internacional.

A boa reputación internacional de que goza a Enxeñaría Civil española quedou avalada neste foro polo enxeñeiro xefe da Área de Planeamento, Proxectos e Obras da Demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento en Estremadura, Fernando Pedrazo Majárrez, quen apuntou na súa intervención como relator convidado que os futuros plans de estudo de Enxeñaría Civil na universidade española deberían facer fincapé tanto na cuestión tecnolóxica como na capacitación dos futuros profesionais para traballar en equipos multidisciplinares.

A presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Isabel Pardo de Vera, quen tamén participou na xornada aberta previa á xunta da Conferencia de Directores de Escolas de Enxeñaría Civil de España, sinalou que a planificación das infraestruturas ferroviarias prevista para os próximos anos e a conservación axeitada das xa existentes son indicadores que proban a existencia de mercado laboral para este perfil de enxeñeiros. A esta conxuntura, engadiu Pardo de Vera, cómpre sumar a necesidade de renovar o avellentado cadro de traballadores e traballadoras do Adif, un proceso que prevé a incorporación de 7.200 persoas ata comezos de 2024, estimou.

Outros acordos

A Conferencia de Directores de centros universitarios de España nos que se imparten estudos de Enxeñaría Civil acordou tamén na súa xuntanza de Lugo constituírse como asociación, un proceso para o que xa se habilitou unha comisión de traballo específica na que están representadas as escolas de Cáceres, Alxeciras, Lugo, La Almunia, Linares e Murcia e Burgos. A cidade castelá será precisamente a sede da próxima reunión desta conferencia de directores de Enxeñaría Civil, un foro que se celebrará os días 24 e 25 de maio na Universidade de Burgos e no que está previsto formalizar de xeito oficial o nacemento desta asociación.

De xeito parello a esta acción, os directores de centros universitarios que imparten títulos de grao de Enxeñaría Civil acordaron tamén deseñar actuacións para divulgar este itinerario formativo entre o estudantado preuniversitario, desde Bacharelato ata escolares de Primaria. A creación dunha web corporativa propia (http://codice.es/), con contidos de interese para estudantes, titulados e tituladas e profesionais en exercicio, así como para outros grupos de interese, reforzada coa posta en macha de perfís en redes sociais e coa elaboración de vídeos de promoción e divulgación, son outras das accións previstas e a través das que se pretende avanzar na promoción e na visibilidade social deste perfil profesional.

O Colexio de Enxeñeiros de Obras Públicas e Enxeñeiros Civís (CITOPIC), representado en Lugo polo seu presidente, Carlos Dueñas, tamén adiantou o seu compromiso de convocar uns premios específicos para distinguir os mellores Traballos de Fin de Grao presentados polos estudantes de Enxeñaría Civil nas escolas adheridas á asociación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.02.2019.