Ir o contido principal

Directores e orientadores de ensino medio de toda Galicia coñeceron na USC as novidades do sistema universitario para o vindeiro curso

Preto de catrocentos directores e orientadores de Ensino Medio de 233 centros de toda Galicia asistiron á reunión
Preto de catrocentos directores e orientadores de Ensino Medio de 233 centros de toda Galicia asistiron á reunión

Preto de catrocentos directores e orientadores de Ensino Medio de 233 centros de toda Galicia asistiron este xoves en Santiago á reunión que a USC organiza anualmente dentro do seu programa ‘A Ponte’. Alí foron infomados de todas as novidades do sistema universitario para o vindeiro curso, con especial atención ás probas de acceso e á adaptación dos estudos ao que marca o Plan Bolonia.
Na xuntanza, que abriu o reitor Senén Barro, o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, informou exhaustivamente da implantación na USC dos estudos universitarios ao abeiro do Espazo Europeo de Educación Superior, complexa cuestión sobre a que os participantes lle formularon numerosas preguntas.
De seguido, o profesor Manuel Bermejo Patiño, representante da USC na CiUG, falou das novidades das probas de acceso á universidade (PAAU) para este curso, advertindo de “poucos cambios e sempre favorables para os estudantes”. A única modificación importante sería a introdución dun factor de ponderación nas materias específicas que virá determinado polos centros universitarios en función das súas titulacións, de xeito que o estudante deberá “afinar” a elección das materias das que se examine para así conseguir entrar na carreira desexada.
Pola súa banda, o coordinador do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’, o profesor Luis Hervella, comentou as accións que se van desenvolver neste curso, unha información que se completou coa intervención da directora do Centro de Hostalaría de Galicia, Patricia Cuevas Sarria, e de Vanesa García, do Servizo de Participación e Integración Universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2009.