Ir o contido principal

Discurso do reitor da Universidade de Santiago co gallo da festividade académica de San Tomé de Aquino (27-1-2017)

Juan Viaño

Esta é a terceira ocasión que teño o pracer de presidir o acto do noso patrón, Santo Tomé de Aquino, un home que transformou o concepto de educación hai setecentos anos e ao que lle debemos metodoloxías docentes que aínda aplicamos hoxe, coma o ensino escolástico. Esta é a terceira ocasión que teño a oportunidade de compartir con todos vostedes as miñas preocupacións e a miña visión da Universidade de Compostela, unha institución na que traballan 4.000 persoas e o que é máis importante, unha institución que ten a obriga de cumprir as expectativas e as ilusións de máis de 25.000 mozos e mozas e das súas familias, que se convenceron da importancia da formación superior para o seu desenvolvemento como profesionais e cidadáns. Unha institución que tamén ten a obriga de cumprir coas expectativas dunha sociedade que lle demanda a cotío solucións para os novos retos que afronta no seu desenvolvemento, e na que eses mozos e mozas que formamos deben ter un papel protagonista, como responsables de deseñar o seu propio futuro. Nos dous anos anteriores faleilles de problemas. Expliquei a necesidade de crear un plan de equilibrio económico-financeiro que nos permitira afrontar con garantías a devolución dunha débeda que daquela se aproximaba aos 50 millóns de euros e dun déficit acumulado que chegaba aos 14 millóns. Falar de déficit é falar de retrasos nos pagos a provedores, pero tamén é falar de angustia cada vez que se aproximaba o final de mes. Falar de débeda é falar de compromisos adquiridos ante entidades financeiras e ante o Estado que cómpre pagar nos prazos establecidos, porque ademais de sermos unha universidade seria e responsable, tamén temos que demostralo en todo momento. Tamén lles expliquei as medidas que tomamos para intentar construír unha universidade máis moderna e adaptada aos novos tempos. No ano 2016 consolidamos cambios importantes nas nosas estruturas básicas, como a reestruturación de departamentos, o que nos vai permitir ser unha universidade máis áxil na toma de decisións, que necesariamente vai acompañada doutra gran medida de cambio estrutural como a creación das unidades de apoio administrativo aos centros, departamentos e títulos, que permiten mellorar a eficacia na xestión diaria dos centros. Aquí, neste campus, falamos tamén de investigación e do bo traballo que se fai nestes laboratorios, nestas aulas e nestas instalacións, que nos permitiron avanzar nun modelo de gobernanza e de especialización que demos en chamar Campus Terra, un proxecto que permite completar o modelo de especialización e singularización iniciado hai pouco máis dun lustro polo Campus Vida e que agora tamén suma o Campus da Cidadanía. Estamos ante un proxecto integrador onde importan, e moito, as achegas das ciencias, das enxeñarías, das humanidades e das ciencias sociais. Pero nesta ocasión, permítanme que non lles fale de problemas senón que lles presente solucións. Como non podía ser doutro xeito, quixera aplicar neste razoamento a metodoloxía da matemática básica que nos vai permitir analizar os datos, comprobar que operacións temos que efectuar e comprobar se o resultado é correcto ou non. Nestes primeiros anos fixemos o esforzo de localizar e describir ben o problema, analizar o obxectivo final que esta universidade precisaba e definir as premisas que nos permitiron configurar os enunciados de moitos dos problemas que tiña esta universidade. Neste traballo foi imprescindible a colaboración de toda a comunidade universitaria, que ben a través dos seus representantes, ou ben a través das opinións que se foron manifestando por diversas canles, logrou establecer un mecanismo participativo que asumimos con gran interese e que constitúe un elemento chave na cadea de valor que debemos xerar. Os datos que temos agora enriba da mesa son claros e os problemas están ben definidos. Temos uns datos certamente positivos en investigación e transferencia de coñecemento en todas as áreas de coñecemento, cunha capacidade de captación de recursos externos para a investigación que se aproximan aos 50 millóns de euros anuais, unha cifra que ano a ano se incrementa sensiblemente. Temos tamén uns datos moi positivos da primeira etapa de organización do campus, que baixo o nome de Campus Terra logrou crear un modelo recoñecido por autoridades académicas e políticas de varias partes do mundo e que nos permitiu trazar unha folla de ruta clara para a ordenación académica, a actualización e especialización da oferta docente e as estratexias de investigación e transferencia do coñecemento. En definitiva, podemos falar xa con toda a tranquilidade dun campus que comeza a organizarse conforme ás directrices que nos trouxo o século XXI e asegúrolles que na terceira década deste século consolidaremos a Lugo como unha cidade de referencia internacional na formación e na xeración de coñecemento para a mellora da nosa calidade de vida. Dita consolidación pasa necesariamente por dar pulo e visibilizar todos aqueles avances que sexamos quen de facer nos ámbitos nos que traballamos neste campus: a educación, as humanidades, a economía e a administración, as enxeñerías, as ciencias do terreo e da alimentación ou calquera outro ámbito que sexamos quen de liderar nos vindeiros anos. Pero tamén temos datos que nos obrigan a reflexionar e a actuar necesariamente de xeito máis contundente. Sabemos que este ano iniciaron os seus estudos nesta cidade case 1.000 estudantes, que se suman aos 5.500 que o fixeron nos campus de Santiago de Compostela. Podemos durmir tranquilos porque estamos superando unha baixada demográfica importante cunha redución mínima do número de estudantes novos e novas que chegan ás nosas aulas. Pero o que non podemos é espertar tranquilos deixando pasar o tempo e pensando que a nosa impasibilidade vai resolver o problema. O estadista Winston Churchill deixouno ben claro nun discurso radiado que fixo no mes de decembro do ano 1952, nun momento no que Londres quedou tapado por un muro de néboa durante unha semana. Naqueles días, a néboa sumouse á unha emisión desproporcionada de gases derivados da queima do carbón de mala calidade das industrias e dos fogares da capital británica o que provocou a maior traxedia medioambiental ata a explosión da central nuclear de Chernobil. Naquelas semanas, en Londres morreron máis de 4.000 persoas, especialmente nenos e nenas moi pequenos, incapaces de soportar o manto fúnebre formado polo frío, a néboa, o carbón e o xofre. Foi a chamada néboa asasina. Nos primeiros días, Churchill negábase a recoñecer o problema. O seu discurso fundamentábase na máxima de que a néboa sempre acaba levantando, e os invernos londinenses sempre tiveron néboa. Sen embargo, a morte dunha das súas colaboradoras máis próximas fíxolle comprender o dramatismo da situación e pronunciou un discurso no que afirmou o seguinte: “Non somos culpables de que haxa néboa en Londres, pero si de que morra xente coa néboa de Londres”. Iniciouse así a “Lei do aire limpo” que se aprobou polo parlamento británico no ano 1956, a primeira norma avanzada preocupada pola calidade ambiental. Amigos e amigas, non podemos permitirnos o luxo de deixar que a néboa perdure e de non facer nada para aumentar o número de estudantes nas nosas aulas. Poderiamos deseñar campañas de publicidade agresivas para que máis mozos e mozas veñan estudar ás nosas aulas. Poderiamos ser creativos e ofrecer paquetes promocionais de 2x1, onde venderamos dúas matrículas ao prezo dunha. Poderiamos tamén encamiñarnos cara unha estratexia de sobresalientes xerais que permitisen aumentar dun xeito espectacular as nosas taxas de graduación e satisfacción. Sen embargo somos unha universidade o suficientemente seria para saber que non podemos sementar millo podre e pensar que imos recoller espigas de ouro. Deseñamos unha estratexia de viabilidade para a nosa oferta formativa que xa nos permitiu rachar unha tendencia negativa en case todos os casos. Unha estratexia que foi liderada e desenvolta por cada un dos decanos e decanas; por cada un dos profesores e profesoras; por cada un dos traballadores e traballadoras de administración e servizos que permiten abrir as portas das nosas aulas todos os días. Decidimos ir centro a centro, instituto a instituto, explicando que estudar un grao universitario abre un mar de posibilidades que ningún mozo, ningunha moza, nin as súas familias, nin a sociedade no seu conxunto poden desaproveitar nestes tempos que corren. Somos conscientes de que este non é o camiño máis rápido, pero si é o camiño máis seguro. É o camiño do paso a paso, da reflexión inicial e da actuación final. No primeiro ano xa se viron resultados, pero teñan a completa seguridade que nos vindeiros cursos observaremos o éxito desta estratexia de interese para todos, aínda que agora mesmo haxa centros que non teñan que preocuparse pola súa demografía. Este camiño da paciencia e da eficacia aprendémolo como institución dos nosos docentes, investigadores e investigadoras. Hai uns anos, aquí ao lado, Jesús un investigador da nosa universidade decidiu iniciar un periplo empresarial baseado na súa tecnoloxía para facer queixo en crema. Decidiu que xa era hora de que en Lugo, capital gandeira de Estado, se creara valor engadido ao sector lácteo facendo de xeito diferente un produto xa existente, coma o queixo de untar, producido fundamentalmente por multinacionais. E decidiu ir dando todos os pasos un a un, incluídos todos os sustos, todas as alegrías, todas as mañás de sol e todas a noites de xeada. Hoxe, Innolact é unha empresa recoñecida internacionalmente, con venta dos seus produtos en máis de 30 países e cunha facturación que xa supera os 8 millóns de euros, o que permite que trinta persoas poidan gozar dun salario digno e desenvolver un traballo de gran valor intelectual. Cando Jesús ía ao notario para crear a empresa un 19 de maio de hai once anos, non tiña idea do que ía pasar o día 20, pero si sabía que o talento, o esforzo e a formación adecuada é o único xeito de desenvolver proxectos ilusionantes que nos permiten medrar a todos como sociedade. Esa é a segunda das funcións da Universidade de Santiago. Debemos crer en nós mesmos e comprobaremos que temos capacidade suficiente para por o noso grao de area na sociedade desta terceira década do século XXI. Poderiamos estar aquí discutindo se 45 ou 50 estudantes é un número máxico para manter operativa unha titulación. Tamén poderiamos botar unha parrafada sobre o ben que se fan as cousas en Silicon Valey e o interesante que é o modelo de Oxford para a transferencia de investigación. Pero temos que coñecer a nosa contorna e as necesidades da sociedade á que nos debemos. E por iso decidimos ir polo camiño dos resultados contrastables que nos permiten demostrar, día a día e ante todos vostedes e ante a cidadanía, a importancia de crer no talento da nosa mocidade, cada vez máis preparada. Por iso, por ter bos resultados e por ter solvencia ante toda a sociedade, puidemos incrementar os nosos orzamentos para o ano 2017 nun 1,5%. Este incremento é moito máis que un crecemento simbólico dun par de millóns de euros. É un cambio de ritmo no noso proxecto de universidade pública e de calidade que nos vai permitir iniciar a transformación fonda que merece o proxecto da USC para os vindeiros anos. Ese cambio non vai comezar por novos edificios, aínda que temos a obriga de construír un complexo docente de Ciencias da Saúde acorde coa formación que estamos impartindo nas nosas titulacións de Medicina, Odontoloxía e Enfermería en Santiago de Compostela. Ese cambio vaise iniciar cunha política clara, concisa e coherente coas nosas posibilidades, para a renovación do noso persoal docente e investigador. Vaise iniciar comprendendo as demandas de estabilización e promoción dos nosos traballadores e traballadoras, con ganas de seguir aportando aínda máis todo o seu talento para este proxecto conxunto universitario. Vaise iniciar respondendo dun xeito contundente a todas as necesidades financeiras que precisamos baseándonos en tres premisas claras: coñecemento profundo das nosas capacidades; identificación precisa das nosas necesidades e toda a profesionalidade necesaria para non volver a tempos nos que só podiamos pensar en pagar a nómina a final de mes. E tamén se vai iniciar adaptando a oferta de títulos que temos ás necesidades da sociedade galega, española e mundial, porque a Universidade de Santiago ten xa a responsabilidade de opinar sobre os acontecementos nos afectan, aínda que se produzan noutro continente. A Universidade de Santiago é o principal motor de coñecemento nesta parte do mundo e sabémolo. E debemos asumir tal obriga con iniciativa e liderado. A Universidade de Santiago debe prepararse xa para seguir sendo a universidade de referencia dos vindeiros anos 20 deste século. Pero a Universidade de Santiago debe ter memoria histórica e coñecer ben as solucións que se foron dando ao longo dos anos aos problemas que en cada época foron xurdindo. Por iso, convén recordar aquí a figura de Juan Rof Codina, que hai pouco máis de cen anos decidiu salvar a Galicia da pobreza derivada do mal coidado dos animais de granxa, o principal sustento da economía galega daqueles anos. Na primeira metade do século XX os problemas non eran crises económicas ou pactos electorais. Os problemas eran a fame, a guerra e a morte. Por iso, non podo deixar de recordar aquí a figura dun home que soubo ver na ciencia e na divulgación a solución a unha economía que apuntaba, día tras día, cara a traxedia máis absoluta. Rof Codina foi quen de convencer aos paisanos desde Lugo a Mazaricos, pasando por Boqueixón, da importancia de sanear o gando e controlar a súa alimentación. Eu mesmo, que veño dun concello eminentemente gandeiro, lle debo a supervivencia da miña familia e dos meus veciños. Señores e señoras, como ben nos dixo a nosa profesora Morrondo, compre ter claro que unha aparente colaboración entre seres vivos pode agochar unha relación parasitolóxica, simbiótica ou do máis puro amor. Ao longo destes anos comprobamos que se queremos seguir sendo unha universidade de referencia, temos que querer e deixarnos querer polos colegas doutras institucións que confían en nós, das de preto e das de lonxe. Pero tamén aprendemos que a Universidade non pode ser ese “ hospedador” que tan ben definiu a doutora Morrondo, porque as consecuencias ao longo prazo son tan dramáticas como as que nos acaban de explicar. Por iso, é obrigado que tomemos decisións, ás veces duras, pero imprescindibles para garantir a nosa independencia e a nosa liberdade na toma de decisións. Sen embargo, encontramos na simbiose un estado de confort que nos permite crear mecanismos de colaboración claros e certamente interesantes para poder avanzar no coñecemento xeral. Ese é o noso hábitat: o da colaboración intensa con empresas e institucións como o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, que comparten con nós a preocupación polo futuro dos nosos fillos e fillas.. Pero tamén debemos cultivar e protexer o ecosistema ideal para a nosa organización interna e quero facer aquí bandeira e agradecer o alto grao de colaboración cos diferentes cargos desta universidade, coma poden ser os decanos e decanas, directores de centro, directores e directoras de departamentos, e por suposto, os responsables das diferentes estruturas que sustentan esta universidade, coma os institutos de investigación, os grupos de investigación ou os centros singulares e mesmo os coordinadores de títulos, xestores académicos e todos aqueles que asumiron a responsabilidade tomar decisións directivas. Só coa colaboración de todos vostedes seremos capaces de concibir a USC do futuro. Grazas ás súas preocupacións e ao seu compromiso somos capaces de organizarnos dun xeito mellor para todos. Por iso, non quixera deixar pasar a oportunidade de recoñecer que todas as súas achegas permitiron ter uns orzamentos aínda máis ambiciosos e aínda máis comprometidos do que inicialmente deseñaramos. Como lles prometín hai uns minutos, este ano 2017 vai ser o ano dos resultados do sementado ata o de agora. Comezamos unha nova etapa complexa, coma todas as etapas históricas, na que camiñaremos de vagar, pero asegurando a firmeza do pé esquerdo antes de mover o dereito. Churchill cambiou o rumbo da preocupación medioambiental mundial despois dunha traxedia con miles de mortos.. Pero xustamente o recoñecemento dos erros iniciais e a proposta de iniciativas comprometidas permitíronlle dirixir un pais que superou dúas guerras devastadoras en trinta anos e logrou, en tres décadas, converterse nun Estado imprescindible na economía e na xeopolítica mundial. Esa lección, nunca a debemos esquecer. Dixen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.01.2017.