Ir o contido principal

A distinción do Campus Terra como Campus de Especialización supón "un novo impulso cara ao futuro”

Antonio López amosa a placa de Campus de Especialización en presenza de Alfonso Rueda
Antonio López amosa a placa de Campus de Especialización en presenza de Alfonso Rueda
O reitor da USC, Antonio López, recolle en Lugo o distintivo que acredita o Campus Terra como Campus de Especialización nun acto no que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta a importancia das sedes universitarias non centrais como canles de transferencia de coñecemento e riqueza á sociedade da súa contorna
Lugo

A distinción do Campus Terra da USC como Campus de Especialización é “un recoñecemento ao bo traballo xa desenvolvido e implica un novo impulso para traballar cara a un futuro mellor, no que temos por diante importantes retos”, manifestou o reitor da USC, Antonio López,  no concorrido acto institucional desenvolvido na Casa do Saber de Lugo, no marco do que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, salientou que “a especialización dos campus universitarios non centrais dan conta do seu nivel de excelencia e contribúen a garantir a transferencia de coñecemento á sociedade da súa contorna”.

Os agradecementos aos responsables universitarios que fixeron posible que o Campus Terra da USC acadara a condición de Campus de Especialización e á propia Administración autonómica por abrir a vía da especialización como senda para que as sedes universitarias non centrais definan unha oferta docente e de I+D+i con niveis de excelencia e con capacidade de atender e dar resposta ás necesidades sociais, centraron o comezo da intervención de Antonio López, que salientou a condición de universitaria como unha das singularidades e fortalezas da cidade de Lugo.

Así, logo de lembrar os distintos procesos que deron lugar a actual configuración da sede universitaria, “unha realidade que non sería posible sen o incondicional apoio recibido da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Lugo”, precisou, Antonio López apuntou o proxecto de Campus Terra como unha nova oportunidade para traballar a prol dun futuro aínda máis ilusionante”.

A comisión encargada da avaliación da candidatura do Campus Terra a distinción de Campus de Especialización acordou outorgar a máxima cualificación á sede universitaria luguesa, logo de comprobar o elevado grao de calidade da súa oferta docente e da súa investigación e tras salientar o potencial de infraestruturas científicas tecnolóxicas, tales como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), Instituto e Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Hospital Veterinario Universitario Rof Codina ou a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade). “Esta plataformas canalizan a transferencia de coñecemento á empresa e á sociedade, en xeral, ao tempo que permiten xerar riqueza”, sinalou a voceira do comité acreditador, Victoria Leis, quen tamén sinalou “a validación do Campus Terra como Campus de Especialización por parte da Xunta de Galicia coa máxima cualificación vai acompañada da recomendación dun apoio continuado por parte da institución universitaria e tamén das administracións políticas, ao tempo que require o cumprimento de diversos fitos.

Os obxectivos do Campus de Especialización do Campus Terra son moi ambicioso, afirmou o reitor Antonio López, antes de enumerar o aumento na captación de alumnado para os títulos de grao e mestrado e o incremento do número de publicacións científicas e de teses de doutoramento, mellora da oferta docente ou a estabilización de persoal investigador predoc e postdoc como novos retos para o Campus Terra. “A dificultade é moi alta, pero podemos dicir que avanzamos na boa liña, tal e como o proba o feito de que alumando de novo ingreso do Campus Terra medrou preto dun 40% nos últimos anos, nos que tamén se reforzou a sede universitaria luguesa co 27% das máis de 200 prazas de profesorado axudante doutor creado na USC”, dixo.

A fonda pegada universitaria da cidade de Lugo foi tamén un dos aspectos postos en valor tanto pola alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, para quen “Lugo non se concibe sen o seu campus universitario, que achega valor e riqueza para os veciños e veciñas, ademais de para os tecido produtivo e económico da contorna”, como polo propio Alfonso Rueda. O presidente da Xunta de Galicia avanzou neste senso que a Administración autonómica aprobará no consello previsto para o xoves a partida económica consignada para o Campus de Especialización Campus Terra, que percibirá 4 millóns de euros en catro anos.

Ampla representación institucional

O acto de entrega das credencias de Campus de Especialización ao Campus Terra da USC citou este martes na Casa do Saber de Lugo unha ampla representación política, encabezada polo presidente da Xunta de Galica, Alfonso Rueda. A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, tamén estiveron presentes nunha sesión á que tamén asistiron o Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicepresidenta do Parlamento Galego, Elena Candia; ademais de parlamentarios autonómicos e representantes dos grupos políticos municipais.

Os vicerreitores de Titulacións e Organización Académica e Campus de Lugo da USC, María José López Couso e Francisco Fraga López, respectivamente; a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo, decanos e directores das facultades e escolas do campus universitario de Lugo, ademais de docentes e investigadores, tamén participaron nesta sesión de recoñecemento do Campus Terra como campus de referencia nos ámbitos ligados ao sector primario, agroalimentario, gandeiro e forestal.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2022.