A diversidade social, a debate nun congreso en Económicas

A USC reúne esta semana persoal investigador e axentes interesados en materia de diversidade social no transcurso dun congreso internacional que se desenvolve na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O acto inaugural presidiuno, este martes, o vicerreitor de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Jesús López Romalde, e nel participaron a decana da Facultade, Mª Emilia Vázquez Rozas; o catedrático e presidente do comité organizador do encontro, José Mª Riobóo, e a profesora da Universidade Rey Juan Carlos e membro do comité organizador, Irene Riobóo. A primeira sesión comezou cunha conferencia plenaria do presidente da Asociación Española de Normalización e Certificación, Manuel López Cachero, titulada ‘Responsabilidade Social, un concepto en evolución’. A continuación deron comezo as sesións paralelas, que continuarán ao longo dos dous días do encontro. Este Congreso Internacional organízao o grupo de investigación ‘Estudos Socio-Económicos sobre Diversidade’ da USC (GESED). Docentes de distintas universidades españolas constituíron este grupo en 2010 para xerar un espazo de discusión, investigación e reflexión respecto á diversidade, establecendo un diálogo entre diferentes disciplinas relacionadas e para producir un coñecemento científico desta realidade abarcándoa como dimensión social. O grupo configúrase como unha unidade vinculada á Cátedra institucional Pastora Campos Goldner para a Atención á Diversidade, dependente da USC, que ten entre os seus obxectivos incentivar programas de investigación no campo de estudo da diversidade que profunden no coñecemento desta realidade e faciliten a adopción de decisións adecuadas