Ir o contido principal

A divulgadora Deborah García Bello presentará no Museo de Historia Natural o seu libro ¡Qué se van las vitaminas!

Deborah García Bello presentará este xoves 22 no Museo de Historia Natural da USC o seu libro ¡Qué se van las vitaminas!, convidada polo colectivo Divulgacción. A presentación comezará ás 18.30 horas coa participación ademais da presidenta de Divulgacción, Leonor Parcero, e Manuel Vicente e rematará coa celebración dun debate público.

Nesta obra, a súa autora tenta dar resposta a determinados mitos amplamente estendidos ou aos que o público xeral está acostumado a escoitar con frecuencia, achegando argumentos precisos para rebatelos. Deborah García Bello é licenciada en Química, divulgadora científica e actualmente realiza o seu doutoramento en Química na Universidade da Coruña sobre ‘Divulgación científica a través da relación entre ciencia e arte contemporáneo. Autora ademais de Todo es cuestión de Química (2016), de numerosas antoloxías poéticas e do libro Megalomanía (2018), foi galardoada co remio Prismas de Divulgación 2017, cun Ciencia Jot Down 2017, co Bitácoras 2014 ao mellor blog de ciencia nacional (http://www.dimetilsulfuro.es) e co premio Tesla de Divulgación Científica 2016.

Directora das xornadas Arte & Ciencia en TopArte do Museo Guggenheim de Bilbao e a Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU, traballa como divulgadora para diferentes medios de comunicación e empresas, como El País, La Voz de Galicia ou Radio Galega. É membro da Asociación Española de Comunicación Científica e da Asociación Galega de Comunicación Científica e Tecnoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2018.