Ir o contido principal

A doazón de sangue, un acto sinxelo, seguro e necesario que salva vidas

Ata decembro desenvolverase unha nova campaña de doazón de sangue nas Universidades galegas

A Facultade de Xeografía e Historia, o mércores 19, e as de Física, Psicoloxía e Ciencias da Educación en Campus Vida, o xoves 20, serán os destinos nos que o Centro de Transfusión de Galicia vai iniciar unha nova Campaña de Doazón de Sangue na USC no presente curso académico. En Xeografía e Historia instalarase un local para a doazón na Aula 2 do centro en horario de 10.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas. Durante o curso 2010-2011 nas universidades galegas rexistráronse 7.126 doazóns, cun incremento do 0,44 por cento con respecto ao exercicio anterior e unha taxa de 106 doazóns por cada 1.000 alumnos e ano, superando as recomendacións da OMS e da taxa media de Galicia neste mesmo senso. Do total do espazo universitario galego, a USC foi a que rexistrou unhas cifras máis elevadas ao alcanzar 3.352 e unha taxa de 119 doazóns por cada 1.000 alumnos. Concretamente no Campus compostelán houbo 2.713, incrementando os valores do ano anterior nun 10 por cento. A Facultade de Medicina foi o centro universitario galego coa máis elevada participación, 478 doazóns (un índice de 188 doazóns por cada 1.000 alumnos). Tamén destacan Relacións Laborais e Farmacia con taxas de participación de 230 e 187 respectivamente. No Campus de Lugo, o cómputo global sitúase en 639 actos solidarios dos universitarios lugueses, situándose como o primeiro campus galego por taxa de doazón, 121 por cada 1.000 alumnos. A Escola Politécnica Superior rexistrou a maior participación (246 doazóns) e a Facultade de Veterinaria a maior taxa (203/1000). Nova campaña Coa instalación de unidades en Xeografía e Historia así como en Campus Vida, o Centro de Transfusión de Galicia inicia unha nova campaña que se estenderá ata o próximo mes de decembro para percorrer os centros das sete campus galegos. A doazón é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar problemas de saúde. As persoas que decidan participar nesta campaña deberán acudir almorzadas, deixando pasar dúas horas dende o momento do xantar. Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista confidencial, para descartar calquera aspecto que a impida. Ademais, realízanse medicións de pulso e tensión sanguínea así como unha análise de sangue.

Para doar é preciso ter máis de 18 anos, saúde normal e un peso superior aos 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatite B, hepatite C, SIDA, ...). É un proceso que dura aproximadamente entre 5 e 7 minutos e para o que se emprega material estéril dun só uso, que se abre momentos antes de atender á persoa doadora. Os homes poden doar ata un máximo de catro veces ao ano e as mulleres ata en tres ocasións, deixando pasar entre cada vez un mínimo de dous meses. O volume se sangue extraído, 450 mililitros, recupérase nas dúas horas posteriores á extracción.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2011.