Ir o contido principal

Docencia, investigación e internacionalización, eidos da USC máis valorados no Ranking CyD sobre a universidade española

Taxa de éxito académico, publicacións interdisciplinares e patentes son outros indicadores da USC destacados pola Fundación Coñecemento e Desenvolvemento

Docencia, investigación, proxección internacional e cooperación co tecido empresarial son os eidos nos que a USC destaca na segunda edición do ranking de universidades españolas que vén de publicar a Fundación Coñecemento e Desenvolvemento (CyD). Este estudo, que “non é unha clasificación global, de mellor a peor”, segundo os seus autores, achega a todas as persoas interesadas na universidade española unha nova ferramenta para coñecela mellor e tamén para avanzar cara a optimización da súa xestión, ademais de para aproveitar máis e mellor as capacidades e potencialidades de cada institución académica. A tenor dos datos compilados no informe da Fundación CyD, a Universidade de Santiago acada os seus mellores rexistros en publicacións de investigación, tanto en rexistros absolutos como no seu tamaño normalizado, como na taxa de graduados e graduadas en máster e graduados no prazo fixado; publicacións interdisciplinares; publicacións citadas nas patentes e licenza destas; ou publicacións conxuntas internacionais, campos nos que se atopa entre a máxima clasificación –r endemento máximo- e a seguinte –intermedio-. Xunto a estes rexistros a USC ocupa unha posición destacada no que atinxe ao número de citacións, ingresos externos de investigación, publicacións máis citadas, cualificación do PDI, mobilidade de estudantes, teses de doutoramento, ou no desenvolvemento de prácticas en empresas da contorna. O alto grao de satisfacción mostrado polo alumnado respecto da calidade da docencia e da experiencia educativa é outra das fortalezas da USC destacadas no último ranking CyD, un informe que tamén outorga boas cualificacións á institución académica compostelá en parámetros referidos a organización académica e orientación práctica e investigadora dos programas formativos, contacto co profesorado, servizos bibliotecarios, dotacións informáticas e instalacións universitarias, así como das oportunidades de mobilidade para estudar no estranxeiro. Estruturado sobre a base das variables máis significativas para os distintos públicos con interese obxectivo na universidade, tales como os estudantes, docentes, empresas, centros de investigación e innovación, así como os responsables institucionais e de xestión, o último traballo da Fundación CyD non ofrece unha clasificación global da universidade española, senón que permite identificar qué universidades son máis eficientes, os ámbitos nos que destacan e tamén aquelas que teñen un maior potencial de mellora, segundo indicou Javier Monzón, presidente do comité executivo da citada fundación.

A partir dun sistema de avaliación que permite determinar rendementos máximos (1), intermedios (2) e mínimos (3), o estudo fai unha análise comparada da situación actual de 560 titulacións impartidas en 60 universidades públicas e privadas españolas atendendo aos seus resultados en ensino e aprendizaxe, investigación, transferencia de coñecemento, orientación internacional e compromiso rexional, ademais de ter en conta a valoración dos estudantes e outros indicadores absolutos relativos á produtividade. Ademais, ofrece análises sectoriais a través de sete campos como son enxeñaría eléctrica e mecánica, estudos de negocios, física, psicoloxía, ciencias da computación e medicina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2015.