Docentes analizan os materiais didácticos no soporte impreso e dixital
Profesores de Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional asisten durante este venres e sábado ao obradoiro sobre a ‘Avaliación dos materiais didácticos en soporte impreso e dixital’, organizado polo departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC e o grupo Cavila. A Facultade de Ciencias da Educación acolle este seminario, que ten como obxectivos favorecer a toma de decisións arredor de materiais curriculares no contexto escolar dun xeito crítico e construtivo; identificar as diferentes modalidades de guías de recursos impresos e dixitais, analizar os medios didácticos e aprender a usar propostas de avaliación con diferentes características (CD, DVD ou páxinas web). A programación do seminario para o venres 11 consiste nunha conferencia inaugural a cargo do profesor Enrique García Pascual, da Universidade de Zaragoza, sobre ‘Metodoloxía para a análise do material multimedia’ e un relatorio por parte do grupo Cavila da Nova Escola Galega. Pola súa banda, a xornada do sábado 12 de marzo estará centrada no desenvolvemento de diversos obradoiros e concluirá cunha mesa redonda, na que se presentarán as conclusións conxuntas dos talleres.