Ir o contido principal

Docentes británicos participan na USC nun curso de español como lingua estranxeira no ensino primario

O Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas acollerá este luns 25, ás 9:30 horas, a inauguración do curso de lingua e didáctica do español como lingua estranxeira no ensino primario no que participan trinta docentes británicos, que organizan conxuntamente o Ministerio de Educación, a Consellaría de Educación do Reino Unido e Cursos Internacionais da USC.

No acto estarán presentes a vicerreitora de Estudos de Grao e Posgrao, Eva Castro Caridad; a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud Álvarez; e a asesora técnico docente da Consellaría de Educación do Reino Unido, María José Eguskiza.

Dende 2003 o Ministerio de Educación organiza en colaboración coa Universidade de Santiago durante os meses de verán e outono diversos Cursos de Lingua, Didáctica e Cultura española destinados á actualización de docentes estranxeiros de español, tanto en canto á metodoloxía do ensino e aprendizaxe como nos seus coñecementos sobre a cultura e a sociedade española, no marco da difusión e promoción da lingua e cultura española no exterior. O curso, dunha semana de duración, ten como obxectivo ofrecer aos participantes un achegamento eminentemente práctico á lingua e á didáctica do español. As clases baséanse na realización de actividades nas que se utilizan diferentes recursos como teatro, cancións ou contos e que máis tarde poderán realizar nas aulas dos seus centros de orixe. Polas tardes os docentes mellorarán as súas destrezas lingüísticas en obradoiros de conversa que Cursos Internacionais organiza en cafés e edificios emblemáticos da cidade, coa finalidade de revisar os temas tratados na clase. Finalmente, o último día do curso visitarán tres centros de ensino primario de Compostela e comarca -Raíña Fabiola, La Salle e CRA Boqueixón– para experimentar de primeira man como se organizan as aulas de español no ensino primario en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2010.