Docentes de español en Norteamérica coñecen in situ a oferta de cursos da USC
Un grupo de sete docentes de español norteamericanos visita estes días a Universidade de Santiago nun programa académico e cultural que organiza Cursos Internacionais da USC. Os profesores e profesoras proveñen de universidades e centros de estudo estadounidenses e canadenses, que esta mañá foron recibidos en San Xerome pola vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido.
Nestes tres días en Compostela visitarán distintos espazos e instalacións da USC e manterán xuntanzas con responsables de Cursos Internacionais para coñecer a súa oferta académica de cursos de español para estranxeiros. Ademais, están previstas varias actividades e visitas coa fin de mostrarlles o patrimonio cultural e natural da comunidade galega, un atractivo máis para quen desexe achegarse á USC a mellorar seu idioma.