Ir o contido principal

Docentes do Instituto de Dereito Industrial da USC participarán en Vigo nunha xornada sobre protección da tecnoloxía na empresa

A Facultade de Empresariais da Universidade de Vigo acolle o vindeiro mércores 18 unha xornada sobre a protección da tecnoloxía na empresa na que colabora o Instituto de Dereito Industrial da USC (Idius). O encontro está dirixido pola profesora de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo María de Mar Maroño e polo profesor da USC Ángel García Vidal, ambos os dous membros do Idius.
Entre os relatores da xornada figura unha destacada participación de membros do Instituto compostelán, os profesores José Antonio Gómez Segade, Manuel Botana Agra, Ángel García Vidal e Javier Framiñán Santas.
Entre todos analizarán a protección e transferencia do secreto industrial (know-how), a protección da tecnoloxía por medio de dereitos de propiedade industrial, a adquisición de empresas de alto valor tecnolóxico, a protección xurídica dos programas de ordenador, os signos distintivos na transferencia de tecnoloxía e a transferencia internacional de tecnoloxía.
A xornada, gratuíta, diríxese a calquera persoa interesada na materia, sendo preciso inscribirse previamente no enderezo electrónico ftorres [at] uvigo.es (ftorres[at]uvigo[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2009.