Ir o contido principal

Docentes e orientadores de centros de ensino medio de Galicia achéganse ao campus de Lugo da USC co programa ‘A Ponte’

Xornada do programa 'A Ponte entre o Ensino Medio e a USC' celebrada na EPS de Enxeñaría de Lugo
Xornada do programa 'A Ponte entre o Ensino Medio e a USC' celebrada na EPS de Enxeñaría de Lugo
O reitor Antonio López preside na EPS de Enxeñaría un encontro no que a USC presenta a súa oferta a representantes de centros de ensino de Lugo, A Coruña e Ourense
Lugo

O reitor da USC, Antonio López, presidiu este xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, unha xornada do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, un foro no que tomaron parte directivos e orientadores de máis dunha vintena de centros educativos de ensino medio das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense e no marco da que se trasladou aos representantes dos 22 centros de ensino medio presentes o amplo abano de accións que promove a USC para fortalecer as súas ligazóns con alumando e profesorado universitario.

“O alumnado é un piar básico para as universidades”, dixo López na apertura dun acto no que salientou a necesidade de fortalecer e potenciar as ligazóns da USC co alumnado e cos docentes do ensino preuniversitario. Esta conexión debe ir máis aló da presentación da oferta de estudos e servizos que presta a USC, xa que esta información está hoxe en día accesible a todo o mundo, comentou Antonio López, ao tempo que engadiu que a USC canaliza as diversas accións orientadas ao colectivo preuniversitario a través do programa ‘A Ponte’.

A celebración desta xornada no campus de Lugo, sinalou López, pretende tamén a contribuír a dar a coñecer esta sede universitaria, “un campus moi ben definido, que conta con titulacións de referencia no plano nacional e internacional, ademais de desenvolver unha prolífica actividade de I+D+i”, dixo. Aínda así, “queremos que cada vez máis alumnado escolla Lugo e o seu Campus Terra como destino universitario”, afirmou.

O reitor da USC tamén aproveitou a súa intervención neste foro para falar do crecente dinamismo que rexe a oferta de títulos universitarios, un proceso que no caso da USC implicará xa o próximo curso a posta en marcha no campus de Lugo dos títulos de grao en Empresa e Tecnoloxía, Bioquímica e Xestión Cultural.

A xornada, na que tamén participaron como relatores a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o delegado do reitor para Asuntos de Ensino Medio, Celso Rodríguez Fernández, e a profesora de Economía, Socioloxía e Política Agraria, Ana Isabel García Arias, que ofreceu unha charla baixo o título ‘As titulacións e a sustentabilidade como visión de futuro’, serviu tamén de marco de presentación da profesora Mercedes Novo Rodríguez como coordinadora do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, cargo no que sucede ao profesor Francisco Javier López González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2023.