Ir o contido principal

Docentes procedentes de África e Asia coñecen a USC a través do proxecto europeo Erasmus Plus KA-107

A vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, na recepción a profesorado internacional
A vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, na recepción a profesorado internacional

Unha delegación 22 docentes procedentes de universidades e centros de investigación de diversos países de África e Asia están a completar esta semana unha estadía na USC ao abeiro do proxecto europeo Erasmus Plus KA-107, un programa que impulsa a mobilidade e colaboracións internacionais entre institucións europeas e non europeas.

A primeira expedición universitaria que visita a USC co proxecto europeo Erasmus Plus KA-107 está integrada por docentes procedentes de universidades de Armenia, Tunicia, Palestina, Líbano, Xordania, India, China, Exipto, Marrocos e Afganistán. Oito membros desta delegación internacional, que desenvolverán actividade docente nalgúns centros universitarios do Campus Terra visitaron xa este luns a sede universitaria luguesa, onde participaron nunha recepción ofrecida polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico da sede universitaria luguesa, Andrés Barreiro.

Os outros 14 integrantes desta delegación universitaria internacional comezaron a súa estadía na USC en Compostela, onde se atopan as facultades (Farmacia, Medicina, Ciencias Políticas, Filoloxía) nas que teñen previsto desenvolver distintas actividades docentes ao longo desta semana. Asemade, este grupo de PDI tamén participou na recepción institucional ofrecida en Fonseca pola vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido.

Logo da primeira xornada, centrada en visitas institucionais aos campus de Compostela e de Lugo, onde puideron coñecer diferentes procesos e tarefas de administración universitaria, así como talleres de xestión de proxectos, os beneficiarios deste programa KA-107 intercambiaron este martes a súa quenda de visitas aos campus de Santiago e Lugo, a fin de obter así unha visión o máis ampla posible da USC durante os 5 días que se prolongará unha estadía que prima o enfoque docente e que contempla o desenvolvemento de actividades formativas nos centros receptores.

Este programa de mobilidade con universidades asiáticas e da rexión do Mediterráneo constitúe unha acción estratéxica no proceso de internacionalización da USC, segundo adiantou a vicerreitora Almudena Hospido, xa que permite ampliar e fortalecer a visibilidade dos campus de Lugo e de Santiago da USC fóra de Europa, sinala.

Bueno e Barreiro, na recepción ofrecida ao profesorado internacional chegado a Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2017.