Docentes da USC imparten o III Maratón de Astropartículas

Os profesores Josefina Ling, Gonzalo Parente e Irma Riadigos participarán como relatores da terceira edición do Maratón de Astropartículas, iniciativa financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) que se vai celebrar do día 14 ao 16 no IES Arcebispo Xelmírez II e no IES Rosalía de Castro, ambos de Compostela, e no CPI Plurilingüe O Cruce.
Este maratón pretende achegar a investigación máis actual en Física de Partículas e Astronomía e Astrofísica a rapazas e rapaces de entre 13 e 18 anos. A composición do universo, as particularidades da materia escura ou que son os raios cósmicos son algúns dos temas de actualidade cos que o Maratón pretende interesar aos que serán futuros investigadores e investigadoras neste eido do coñecemento. De xeito específico, ‘Con a de Astrónoma’ é unha charla que tamén se impartirá no seo deste maratón de Astropartículas coa intención de promover as vocacións científicas entre as nenas en partículas. Ademais, estará impartido por relatoras que participan como referentes para as nenas do traballo que realizan investigadores e científicas españolas.
Xunto cos investigadores da USC, neste maratón de alcance estatal participa persoal investigador das universidades de Alcalá, de Huelva e de Vigo, xunto con persoal do Observatorio de Javalambre de Huesca. Está coordinado pola catedrática de Alcalá Mª Dolores Rodríguez Frías, coordinadora da Comisión Muller e Astronomía da Sociedade Española de Astronomía (SEA).