O domingo ás 18.38 horas comezará o verán, a estación máis longa do ano

O verán no hemisferio norte comezará o vindeiro domingo 21 ás 18.38 horas e prolongarase ata as 10.21 horas do 23 de setembro. Será a estación máis longa do ano cunha duración de 93,65 días de duración, case un día máis que a primavera, tres e medios máis que o outono e preto de cinco máis que o inverno. No momento en que comeza o verán, o Sol atoparase no punto Cáncer da Enclíptica –ou tamén coñecido como solsticio de xuño- e acada a súa máxima declinación (elevación con respecto ao ecuador celeste). Como consecuencia: estes días o sol ao mediodía terá a máxima altura posible sobre o horizonte, e o albor e o solpor produciranse o máis ao norte posible, polo que a duración do día será a máis longa do ano nosa latitude con 15 horas. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, o dia 6 de xullo a Terra pasará polo Afelio -punto da súa órbita máis alonxado do Sol-, concretamente a máis de 152 millóns de quilómetros, fronte aos 147 que corresponderon a mínima distancia –P erihelio-, rexistrada o pasado 4 de xaneiro. Aínda que haberá unha eclipse parcial de Sol o 13 de setembro, só será visible no sur de África e no océano Índico así coma na Antártida. Haberá que agardar ata os comezos do outono (28 de setembro) para poder observar dende a Península unha eclipse total de Lúa. Conxuncións Nos vindeiros meses produciranse algunhas conxuncións que os profesor Docobo considera interesantes. Así na noite do vindeiro 28 ao 29 de xuño, Saturno estará moi preto da Lúa. Tamén pola noite dos últimos días deste mes e primeiros de xullo, haberá un achegamento de Venus e Xúpiter cara ao oeste, que será máximo os días 30 de xuño e primeiro de xullo. Pouco antes da saída do Sol do 16 de xullo, estarán moi xuntos Mercurio e Marte, e dous días despois haberá a oportunidade de contemplar poñerse a Lúa acompañada de Venus e Xúpiter. No mes de xullo a Lúa estará en fase chea en dous ocasións (Lúa Azul) o día 2 e o 31. Xa en agosto, Saturno volverá a estar en conxunción co satélite terrestre o día 22. Por outra banda e como explica o director do Observatorio Astronómico universitario, o estío é especialmente recomendable para localizar constelacións e mesmo para contemplar a Vía Láctea dende lugares con pouca contaminación lumínica. “Emblema da estación que agora comeza, é o famoso triángulo formado polas brillantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne), e Altair (na Águia)”, sinala o profesor Docobo. Neste mesmo capítulo, “outra data para non esquecer será a noite do 12 ao 13 de agosto, a da choiva das estrelas Perseidas que iste ano estará favorecida pola ausencia da Lúa” engadiu o astrónomo da USC. Remata unha primavera seca Dende o pasado 7 de maio, a estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller recolleu 10 litros por metro cadrado, unha cantidade que permite ilustrar a climatoloxía rexistrada nesta primavera e que José Ángel Docobo cualifica de “bastante seca para o que adoita ser en Galicia”. En total, na estación do Observatorio recolléronse un total de 226,6 litros/m2: 10,8 litros nos últimos once días de marzo; 120,4 en abril; 87,3 en maio; e 8,1 no que vai do mes de xuño. En relación coa estación que comeza o próximo domingo e á vista dos datos dos últimos trinta anos, o verán máis chuvioso en Santiago foi o do pasado ano, con 352,2 litros/m2 en 48 días, tendo sido inapreciable en 12 xornada. Unha situación similar rexistrouse en 1999 (352 litros/m2 en 31 xornadas) e en 2004, 331 l/m2 en 28 días. Como curiosidade, o verán con máis xornadas de precipitación foi o de 1983, cando chovera en 60 xornadas distintas, se ben en 32 delas de xeito inapreciable. Pola contra, a estación estival máis seca corresponde a 2013, na que se mediran 46,7 l/m2 en 10 días, seguida da de 1990 (47,7 l en 19 xornadas). O menor número de días con precipitacións en verán (15 xornadas e 64,4l) rexistrouse en 1989.
En canto a temperaturas, o director do Observatorio explica que a máxima absoluta destas tres décadas foron os 40º3 rexistrados o 20 de xullo de 1990, seguidos dos 39º7 do 12 de agosto de 2003. No verán de 1990 houbera 26 días con máximas superiores os 30º e 20 días en 2004. Tamén en xullo de 2013, unha vaga de calor deixara unha máxima de 36º9 o día 6.