Ir o contido principal

O domingo ás 22.44 horas comeza o outono

O domingo ás 22.44 horas comeza o outono
O domingo ás 22.44 horas comeza o outono

Nas primeiras horas da noite do vindeiro domingo día 22, concretamente ás 22.44 horas, iniciarase o outono no hemisferio boreal. Nese instante o Sol pasará polo punto Libra ou equinoccio de setembro, atravesando o ecuador cara ao hemisferio sur da esfera celeste. O domingo 22, ao igual que aconteceu no equinoccio de marzo, o Sol sairá xusto polo leste polo que o solpor se producirá exactamente polo oeste de xeito que nesta xornada a duración do dia será semellante á da noite. Segundo o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, na nosa latitude, a partir do vindeiro domingo as noites crecerán en duración ata alcanzar un máximo aproximado de 15 horas arredor do 21 de decembro, data esta na que ás 18.11 horas comezará o inverno. Na estación que agora comeza, haberá unha eclipse de sol mixta (total-anular) no mediodía do dia 3 de novembro, aínda que na Península se verá só coma parcial e de baixa magnitude, pero apreciable coa debida protección ocular. Do mesmo xeito, na medianoite do 18 ao 19 de outubro producirase unha eclipse penumbral de Lúa. En canto á visibilidade dos planetas, Mercurio pasará de verse logo do solpor en outubro, a ser luceiro matutino en novembro e decembro. Pola súa banda, Venus manterase todo o outono no suroeste a primeiras horas da noite e Marte deixará verse na segunda parte das noites no este. Xúpiter estará en boas condicións de ser observado durante toda a estación, en tanto que Saturno, que agora apenas se pode observar ao oeste na tardiña, pasará a poder contemplarse antes do albor en novembro e decembro. Como explica o profesor Docobo, aparte dalgunhas choivas de estrelas típicas desta estación, coma as Dracónidas (8 de outubro), as Oriónidas ( 21 de outubro), as Leónidas (17 de novembro) e as Xemínidas (13 de decembro), o acontecemento astronómico do outono podería ser a chegada do cometa ISON, xa que se as predicións mais optimistas se chegaran a cumprir, podería ser visible incluso a simple vista. Remata o verán máis seco Dende o punto de vista meteorolóxico, remata o verán mais seco en Compostela nos, como mínimo, últimos 50 anos, logo dunha primeira parte de ano especialmente chuviosa. Nos case 94 días que durou o verán, tan só se rexistraron 46,7 litros/m2 en 17 días (en sete deles de xeito inapreciable) co pluviómetro manual do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, distribuídos do seguinte xeito: unha precipitación por baixo dos 0,1 L/m2 nos dez últimos días de xuño; 34,0 L/m2 en xullo; 12,7 L/m2 en agosto e cantidades inapreciables en cinco xornadas de setembro. Hai só tres anos, en 2010, tamén se rexistrara un estío con moi baixa pluviosidade. Daquela foran 54,7 L/m2 os recollidos en 21 xornadas. En opinión de José A. Docobo, a situación actual é comparable á de 1972, cando se recolleran en Santiago 47,1 L/m2 ao longo de todo o verán, aínda que en menos días, un total de 9. En canto ás temperaturas deste verán de 2013 en Compostela, compre destacar a máxima de 36º9 rexistrada o 6 de xullo e a mínima de 8º7 na madrugada do 9 de setembro. Noutros 3 días mais do mes de xullo chegouse ou incluso se superaron os 35º, situándose as temperaturas máximas entre os 30º e 35º noutras 18 ocasións: un día en xuño, nove en xullo, dous en agosto e seis en setembro. O habitual troco de hora ao horario de inverno terá lugar o último domingo de outubro, o día 27. A partir dese momento, a hora oficial peninsular española pasará a ser a hora de Tempo Universal Coordinado mais unha hora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2013.