Dous estudantes da USC realizan prácticas profesionais coa Bolsa Universia-Fernando Alonso
Os estudantes da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC Patricia Casal Piñeiro e José Ramón Rodríguez Pérez levan a cabo a súa primeira experiencia laboral en sucursais do Banco Santander. O programa, que remata a finais de setembro, enmárcase nas Bolsas Universia-Fernando Alonso para fomentar a inserción dos máis novos no mercado de traballo.
Na convocatoria, á que se presentaron solicitudes de cincuenta universidades, seleccionáronse cen candidatos dos que 90 realizan as súas prácticas na rede comercial e 10 se incorporaron aos servizos centrais da entidade bancaria. Patricia Casal comenta que “a iniciativa é moi positiva” pois aprendeu as distintas tarefas da oficina, “dende traballar na caixa atendendo ao público ata labores máis especializadas”.
Os candidatos escolléronse segundo o seu currículo e logo de pasar unha proba de análise documental sobre dúas posibles temáticas, seguridade viaria e a relación da Fórmula 1 co eido empresarial.