Ir o contido principal

Dous expertos designados polo Ministerio aclararon dúbidas dos universitarios da USC sobre a nova ordenación das ensinanzas oficiais

O profesor da Universidade compostelá Celso Rodríguez forma parte do grupo de enlace constituído recentemente polo MEC

Dous membros do grupo de enlace que a Dirección Xeral de Universidades do Ministerio constituíu recentemente para axudar a aclarar dubidas en relación co real decreto polo que se establece a nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais en España atópanse este xoves na USC.
Os directores de Departamentos e Institutos de Investigación foron os primeiros en reunirse esta mañá no CEA cos profesores Celso Rodríguez, da USC, e Juan Ramón González Velasco, da Universidade do País Vasco, quen fixeron unha breve exposición dos aspectos fundamentais do real decreto e responderon ás cuestións formuladas polos asistentes.
Deseguido foi a quenda dos decanos e directores de centro, que igualmente mantiveron un debate cos dous dos cinco profesores designados polo Ministerio de Educación e Ciencia para resolver nos centros universitarios de toda España as cuestións que poidan xurdir en torno á nova ordenación das ensinanzas. Xa pola tarde a xuntanza correspóndelle aos estudantes que forman parte do Claustro da USC.
O Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro, establece a nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais en España no contexto do Espazo Europeo de Educación Superior, adoptando unha serie de medidas que flexibilizan a organización dos estudos, cuxos planos terán que crear as propias universidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2008.