Ir o contido principal

Dous investigadores de Veterinaria reciben un premio internacional por un traballo sobre toxinas mariñas nos alimentos

Desde a esquerda, 1º Prof. António Almeida Dias, presidente Grupo CESPU; Luis Botana, investigador da USC; e Manuel Pizarro, secretario de Estado de Sanidade de Portugal
Desde a esquerda, 1º Prof. António Almeida Dias, presidente Grupo CESPU; Luis Botana, investigador da USC; e Manuel Pizarro, secretario de Estado de Sanidade de Portugal
Luis Botana e Carmen Vale son os galardoados na terceira edición do Premio Internacional de Investigación CESPU

Dous investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, os profesores Luis Botana e Carmen Vale, do Grupo de Toxinas Mariñas da Facultade de Veterinaria, son os gañadores da terceira edición do Premio Internacional de Investigación CESPU. Este galardón é un dos de maior dotación económica de Portugal e ten como obxectivo premiar unha obra orixinal en Biomedicina, cuxos resultados teñan un impacto potencial sobre a saúde da humanidade.

O premio recolleráo este mércores 17 Luis Botana nun acto que se celebrará no antigo palacio do Obispo de Penafiel (Portugal) de mans do secretario de Estado de Sanidade de Portugal, Manuel Pizarro e o presidente do Grupo CESPU, o profesor Antonio Almeida Dias. No traballo presentado polos doutores Luis Botana e Carmen Vale analízase por primeira vez o efecto de diferentes toxinas mariñas e establécese unha nova base metodolóxica de referencia europea para avaliar a contaminación dos alimentos consumidos pola poboación, un problema que podería incrementarse nos vindeiros anos como consecuencia do cambio climático. O desenvolvemento de métodos de detección e validación podería ter importantes repercusións en termos económicos e de saúde pública dada a cada vez maior presenza deste tipo de toxinas mariñas preto das costas de Europa, coa conseguinte necesidade de asegurar a súa cuantificación de cara á seguridade alimentaria e á identificación de potenciais factores causais de intoxicación por alimentos. Cespu Cespu é unha institución educativa portuguesa privada sen ánimo de lucro que conta con tres centros de educación superior en Portugal nos que se forman case 4.000 alumnos en máis de 30 titulacións integradas en Ciencias e Tecnoloxías da Saúde. Ademais, posúe centros en Angola, Cabo Verde e Brasil e unha rede de hospitais e clínicas en Portugal. En colaboración coa Universidade de Barcelona, o Cespu creou o Instituto de Investigación e Formación Avanzada en Ciencias e Tecnoloxías da Saúde en Penafiel no que participan investigadores da USC, a Universidade de Valencia e varios centros internacionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2010.