Dous licenciados en Pedagoxía pola USC obtiveron o primeiro e segundo Premio Nacional de Fin de Carreira que concede o Ministerio

Pablo Montero Souto e José María Mesías Lema, licenciados en Pedagoxía pola USC, obtiveron o primeiro e segundo Premio Nacional de Terminación de Estudos Universitarios, respectivamente, que concede o Ministerio de Educación e Ciencia. Con este recoñecemento prémiase aos mellores expedientes de España en cada titulación do mapa de estudos universitarios.
Logo de finalizar a carreira estes dous estudantes decantáronse pola investigación e docencia na Facultade de Ciencias da Educación da USC, aínda que con camiños distintos. Así, Pablo Montero (Ponteceso, 1982) forma parte do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental, recoñecido como unidade competitiva pola Xunta de Galicia, que coordina o catedrático José Antonio Caride Gómez no Departamento de Teoría, Historia da Educación e Pedagoxía Social.
Ademais de colaborar en iniciativas de estudo, formación e divulgación como estudante de terceiro ciclo, Pablo Montero realiza o seu proxecto de investigación en torno aos procesos de innovación educativa na vida municipal, tarefa que compaxina coa de vogal da xunta directiva do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, que recoñece como “unha opción científica, profesional e humana”.
Pola súa banda, José María Mesías (Corcubión, 1983) compaxinou os seus estudos de Pedagoxía cos de Fotografía Artística. Realizou os cursos de doutorado en Belas Artes na Universidade de Granada e o seu proxecto de investigación céntrase na fotografía como metodoloxía visual na aprendizaxe da Educación Artística. Agora comparte inquedanzas coa súa directora de teses, María Jesús Agra Pardiñas, “unha das profesionais máis recoñecidas no seu campo”, afirma. Ao rematar a carreira incorporouse ao Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal, sendo integrante de LITER21, grupo de investigación coordinado polo catedrático Anxo Tarrío Varela.