Dous traballos sobre os montes en man común e o Programa Leader gañan a primeira edición do Premio Jesús García Calvo
Co obxecto de contribuír ao mellor coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e do cooperativismo en Galicia, o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e a Fundación Feiraco convocan o Premio Jesús García Calvo de investigación en desenvolvemento rural e cooperativismo, que acaba de resolver a súa primeira edición. O traballo ‘Conflitividade social no medio rural galego (1939-1975): O caso dos montes veciñais en man común’, de Araceli Freire Cedeira, fíxose co premio na modalidade de textos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas. O xurado destacou del o carácter interdisciplinar da metodoloxía empregada así como a relevancia do obxecto de estudo, como son as relacións sociais articuladas arredor dos espazos comúns do monte. Pola súa banda, na modalidade de teses ou traballos de fin de grao ou máster o premio recaeu en Francisca Gago Guillán por ‘Os modelos de aplicación do Programa Leader 2007-2013 no Estado Español’, do que o xurado destacou como signos de calidade a relevancia da cuestión elixida e o “ ambicioso” tratamento dos modelos empregados en España. O xurado desta primeira edición do premio estivo composto polo reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Fundación Feiraco, José Montes; o director do Idega, Xaquín Fernández Leiceaga; o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña; e os docentes da USC especialistas na materia María Loureiro, Edelmiro López, Francisco Sineiro e Carlos Ferrás.