Ir o contido principal

Doutorandos do CIQUS obteñen o segundo e terceiro premio do concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Real Academia Galega de Ciencias

Os investigadores predoutorais do CiQUS Manuel Gómez e Eduardo Bordallo recibiron onte o segundo e terceiro premio, respectivamente, do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras baseadas no coñecemento científico que organiza a Real Academia Galega das Ciencias en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia e co apoio económico do IGAPE. As ideas premiadas están baseadas no traballo de tese de doutoramento que os dous estudantes desenvolven no CiQUS, baixo a dirección do profesor Massimo Lazzari. Manuel Gómez propuxo a fabricación dun novo tipo de substratos, coñecidos como 'Substratos SERS en polímeros e aluminio para detección de colorantes' que, entre outras aplicacións, permite detectar o fraude no gasóleo, xa que pode detectar cantidades ínfimas de restos de colorante. O seu funcionamento baséase no efecto SERS (Espectroscopia Raman Amplificada por Superficie), unha técnica de análise moi precisa que pode chegar incluso a detectar e identificar moléculas individuais. O uso da técnica SERS permite amplificar o sinal das moléculas (como por exemplo, posibles colorantes), un incremento que se produce cando estas se atopan moi próximas á superficie dun metal, é dicir, ao substrato, polo que este se converte nun elemento fundamental no proceso. Pola súa banda, Eduardo Bordallo -bolseiro do Programa Banco Santander-USC para estadías predoutorais destinadas a docentes e investigadores de centros de América Latina- centrou o seu traballo no 'Desenvolvemento dun sistema de transporte de medicamentos baseado en copolímeros anfifílicos', coa particularidade de ter utilizado na súa proposta polímeros naturais moi accesibles, como a celulosa ou os seus derivados. O obxectivo é dispoñer dun sistema de encapsulado e transporte de fármacos que converta os medicamentos en ferramentas máis seguras, eficientes e eficaces, en particular os utilizados no tratamento de enfermidades dexenerativas. Deste modo reduciríase en gran medida o impacto económico dos tratamentos e a estadía nos centros de asistencia médica, así como os efectos colaterais de moitos fármacos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2014.