Ir o contido principal

Down Compostela expón Miradas en Fonseca

Poderá visitarse ata o 23 de outubro

O Colexio de Fonseca da USC alberga ata o 23 de outubro a exposición Miradas, unha iniciativa da Fundación Down Compostela que demostra que entre as persoas con e sen discapacidade son moitas máis as semellanzas que as diferenzas. Na exposición participaron os fotógrafos profesionais Cristina de Middel, Óscar Dacosta, Rafa Pasadas, Moncho Rivadulla e Luis Díaz que de maneira altruísta aceptaron o reto de reflectir a súa particular forma de ver as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual. Miradas está formada por 27 fotografías, en tamaño 30x45 centímetros, agrupadas nas cinco temáticas que conforman o proxecto do mesmo nome posto en marcha este ano por Down Compostela. Cristina De Middel reflectiu algunhas das actividades que realizan os más pequenos que acoden habitualmente á Fundación Down Compostela. Óscar Dacostamostra a autonomíadas persoas con Síndrome de Down. Moncho Rivadulla captou a expresividade e entusiasmo dalgúns nenos e nenas en clases de música e a súa capacidade creativa. Rafa Pasadasensina como a vida en parella tamén é unha realidade para moitas persoas con discapacidade e Luis Díaz fotografou as diferentes e variadas afeccións que teñen os protagonistas desta exposición. A mostra pode visitarse en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas de luns a sábado. Posteriormente percorrerá algúns dos municipios da comarca antes de regresar de novo a Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2012.