Dúas charlas gratuítas orientarán ao alumnado de últimos cursos na busca de práctica profesionais e na elaboración do currículo
A Área de Orientación Laboral e Emprego ten previstas para as vindeiras semanas dúas charlas gratuítas dirixidas a estudantado de últimos cursos e titulados/as recentes. Este mesmo mércores 27, este servizo da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, celebra unha charla dedicada aos programas de prácticas para a iniciación profesional. Comezará ás 10.00 horas na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer os principais programas de prácticas a nivel nacional e internacional dirixidos a estudos e titulados universitarios. Durante a sesión informarase dalgunhas das convocatorias que anualmente publican diferentes organismos tanto no ámbito nacional como internacional. A próxima cita será xa en xuño, o día 3, e estará enfocada cara a preparación dun currículo eficaz. O persoal técnico da Área explicará aspectos relativos aos diferentes tipos de currículo e o seu uso, así como á súa elaboración e á optimización da información para conseguir unha mellor visibilización. Tamén se prestará atención aos diferentes recursos para elaborar un en formato dixital.