Ir o contido principal

Dúas cooperativas gandeiras cántabras exploran desenvolver produtos ecolóxicos na Aula de Produtos Lácteos

Vacas pasiegas nunha pradeira cántabra
Vacas pasiegas nunha pradeira cántabra
Representantes e técnicos da Asociación de Criadores de Raza Pasiega e a sociedade cooperativa ecolóxica De Pasto a Leche, de Cantabria, visitan as instalacións da plataforma tecnolóxica do Campus de Lugo para avaliar as posibilidades de desenvolver lácteos ecolóxicos e con novos valores engadidos
Lugo

A Asociación de Criadores de Raza Pasiega e a sociedade cooperativa ecolóxica De Pasto a Leche, de Cantabria, exploran vías de colaboración permanente coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus de Lugo da USC para avaliar as posibilidades de desenvolver produtos lácteos ecolóxicos en con novos valores engadidos.

O interese manifestado polas dúas entidades cántabras en establecer novas liñas de traballo coa APLTA traduciuse nunha recente visita ás instalacións da plataforma tecnolóxica da sede universitaria luguesa durante a que representantes e técnicos da Asociación de Criadores de Raza Pasiega como da cooperativa De Pasto a Leche analizaron xunto coa directora científica da APLTA, Elvira López Mosquera, e co técnico de xestión da Aula de Produtos Lácteos da USC, José Manuel Rebolo, o abano de servicios e solucións tecnolóxicas que a APLTA ten a disposición de produtores e empresas.

Esta visita de traballo, na que tomaron parte Pablo Palencia Garrido-Lestache, director de Ibérica Agro Proyectos, unha consultora especializada no sector agroalimentario que presta asesoramento ás dúas cooperativas cántabras, así como os técnicos de De Pasto a Leche Francisco Javier García Lacal, Pablo González Martínez e Manuel Sainz, serviu para avaliar as diferentes liñas en que podería materializarse esta nova colaboración da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC co sector primario, ademais de para comprobar o potencial tecnolóxico do centro lugués.

O abano de prestacións que ofrece a APLTA da USC a estas cooperativas cántabras semella responder ás súas expectativas, segundo se puxo manifesto no marco deste encontro. De feito, a Asociación de Criadores de Raza Pasiega busca promocionar esta raza autóctona dos vales pasiegos de Cantabria, mentres que a cooperativa De Leche a Pasto é unha nova entidade gandeira que produce leite 100 % de vacún frisón en réxime de pastoreo e con altas calidades e contido en omega 3 e omega 6.

As dúas cooperativas  comparten tamén como obxectivo central o feito de impulsar economicamente as áreas rurais de Cantabria a través da posta en valor do réxime de pastoreo de gando vacún de leite e do posterior desenvolvemento de produtos lácteos ecolóxicos adaptados ás novas necesidades do consumidor e con valores engadidos.

Visita de representantes de dúas cooperativas gandeiras cántabras Á Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC
Visita de representantes de dúas cooperativas gandeiras cántabras Á Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC