Dúas empresas xurdidas na USC, premiadas nos Galicia Spin-off
A empresa compostelá Situm, spin-off da Universidade de Santiago especializada en xeoposicionamiento en interiores, gañou o premio Galicia Spin-off na categoría Idea Emerxente, na que outra spin-off da USC, a de biotecnoloxía Celtalga recibiu tamén unha distinción como finalista. Ambas as dúas están emprazadas no Edificio Emprendia (Campus Vida). A spin-off da Uvigo Imatia, dedicada ao desenvolvemento rápido de software innovador, foi a gañadora na categoría Selo de Calidade.
O xurado dos premios, convocados por Pastor e o portal GCiencia, tivo un difícil traballo para elixir as propostas gañadoras entre unha ducia de iniciativas que accederon á selección final e que se dedican á creación de software, á innovación no sector sanitario, empresas agroalimentarias punteiras e compañías que investigan novos produtos procedentes do medio mariño.
Situm Technologies
Situm Technologies dedícase ao desenvolvemento e comercialización da súa propia tecnoloxía de localización en interiores para smartphones. A empresa nace da man de tres antigos investigadores do CITIUS da USC, Cristina Gamallo, Adrián Canedo e Víctor Álvarez, que desenvolveron unha das tecnoloxías máis precisas no mercado LBS baseada nos coñecementos adquiridos durante a súa etapa investigadora.
Aínda que Situm apenas conta con algo máis dun ano de vida, a súa tecnoloxía implantouse xa en máis de 30 edificios repartidos por diversas partes do mundo (Galicia, Madrid, Barcelona, EUA, Xapón e Colombia). O seu produto principal, Situm RTLS, é unha plataforma de localización en interiores para teléfonos intelixentes.
Celtaga Extract
Dedicada á produción de extractos acuosos de macro algas procedentes das costas galegas, os produtos obtidos en Celtalga Extract aplícanse de xeito prioritario ao sector cosmético aínda que tamén se poden utilizar noutros campos como a alimentación e a agricultura. A empresa prevé alcanzar os 250.000 euros en vendas en 2016.