Ir o contido principal

Dúas novas citas con novos intérpretes esta semana no Paraninfo

O XVII Ciclo de Novos Intérpretes que organizan conxuntamente a Asociación Galega da Lírica e a Universidade de Santiago presenta esta semana, o luns 9 e o martes 10, dúas novas citas consecutivas no Paraninfo da Universidade ás 20.00 horas. Neste ciclo, o dedicado a novos intérpretes máis antigo en activo, participan ata marzo máis de corenta novos músicos galegos e residentes en Galicia. O concerto do luns abrirao a violinista viguesa de 15 anos Irene Cebada Fernández cunha variada selección de obras de Falla, Bach, Paganini, Shostakovich e Saint-Saëns. Irene Cebada, que estuda cuarto de grao profesional no Conservatorio de Vigo, gañou o premio David Russell 2014 da súa categoría e colabora habitualmente coa Orquestra Xove 430 de Vigo e coa Filharmónica de Pontevedra. A soprano de 25 anos Rebeca Salgado Trillo é licenciada en frauta traveseira polo Conservatorio Superior da Coruña, onde cursa 2º de grao superior ao tempo que estuda canto lírico coa profesora Diana Somkhieva. Rebeca Salgado preparou unha ilustrativa selección de cancións, arias de ópera e obras sacras e romanzas de zarzuela compostas por autores como Pergolesi, Bellini, Mozart, Sorozábal, Dvórak, Mozart e Haydn. Tanto Irene Cebada como Rebeca Salgado estarán acompañadas ao piano por Vera Pavlova. E para rematar o concerto actuará o pianista Roberto Portela Santaclara. Nado en Pontevedra hai 25 anos, está rematando os estudos superiores de piano e atesoura xa unha ampla experiencia con numerosos recitais e a participación nalgún festival internacional como o Summer Bonporti Piano Lab. en Trento (Italia). Rodrigo Portela seleccionou para a ocasión un esixente programa formado pola Terceira Sonata para Piano de Frédéric Chopin e a Paráfrase de concerto sobre Rigoletto de Verdi composta por Franz Liszt. Piano e violoncello este martes A primeira protagonista do concerto do martes é a pianista viguesa Laura Zapatero. Nada hai 20 anos, actualmente estuda 3º no Conservatorio Superior de Vigo no que tamén estuda canto lírico. Para a súa segunda participación neste ciclo seleccionou unha sonata para piano de Franz Schubert e un estudo de concerto do descoñecido compositor Nikolai Kapustin. Na segunda parte actuará o dúo de violoncello e piano formado pola lucense Sabela Vázquez Ramos e a monfortina Ana Fernández Gayoso. Ambas de 21 anos, realizan os seus estudos superiores no Conservatorio de Vigo e destacan pola súa inquedanza que se materializa nunha intensa actividade de colaboracións con agrupacións como a Banda Sinfónica Cidade de Lugo, Joven Filarmonía Leo Brouwer e Real Banda Sinfónica del Círculo de la Amistad (Córdoba), Banda da Federación das Bandas Galegas, Orquestra Filhármonica de Pontevedra, Coral Polifónica de Monforte, Banda de Música de Sober, etc. Sabela Vázquez Ramos e Ana Fernández Gayoso interpretarán a Sonata para cello e piano de Chopin e as Pezas de fantasía (Fantasieestücke) de Schumann. O recital rematará coa actuación de Carla Lorenzo Fernández, pianista que prepara neste momento o seu concerto fin de carreira co profesor Pablo Galdo. Carla Lorenzo interpretará a Primeira sonata para piano de Ludwig van Beethoven.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.02.2015.