Dúas obras da USC, galardoadas cos XVIII Premios Nacionais de Edición Universitaria

De entre un total de 128 candidaturas, a USC situou entre os mellores libros universitarios publicados durante 2014 dous volumes editados polo seu Servizo de Publicacións. O director deste servizo Juan Luis Blanco Valdés acaba de recoller na Universidade de Murcia os galardón correspondentes aos libros Antimateria, magia y poesía e Semiótica de textos selectos. Charles Sanders Peirce.
Antimateria, magia y poesía fíxose co galardón á mellor obra de divulgación científica. Entre as razóns para entregar o galardón a este libro, do que son autores José Edelstein e Andrés Gomberoff, o xurado destacou “a claridade da exposición e amenidade do tratamento de temas verdadeiramente complexos nun soporte económico que favorece a difusión”. Este volume é o primeiro da ‘Biblioteca de Divulgación. Serie Científica’ da USC que dirixen os profesores Francisco Díaz-Fierros e Jorge Mira.
“Dar visibilidade á produción científica galega a través duns textos selectos de Pierce”. Ese é o motivo que levou ao xurado dos Premios a considerar que a mellor tradución dos volumes editados o pasado ano polas universidades españolas é Semiótica de textos selectos. Charles Sanders Peirce , responsabilidade de María Uxía Rivas Monroy e Manuel Outeiriño e vixésimo cuarto número da colección ‘Clásicos do pensamento universal’ que coedita a Universidade de Santiago coa Fundación BBVA.
O xurado estivo integrado por Beatriz Hernanz, directora de Cultura do Instituto Cervantes; Vicent Climent, reitor da Universidade Jaume I en representación da Conferencia de Reitores que se ausentou naquelas candidaturas ás que optaba a súa Universidade); Manuel Rodríguez Rivero, crítico literario; Manuel Toharia, divulgador científico; Antonio Fontana, coordinador de Libros do ABC Cultural; Nuria Azancot, xefa de redacción de El Cultural de El Mundo; e Winston Manrique, coordinador-redactor de Libros e Literatura da sección de Cultura de El País.