Ir o contido principal

Dúas presentacións da USC gañan o Concurso de Pitches de Investigación do Grupo Compostela de Universidades

Ángela Arnosa Prieto e Lucas Van der Hauwaert
Ángela Arnosa Prieto e Lucas Van der Hauwaert
Ángela Arnosa Prieto obtivo o primeiro premio cunha disertación sobre nanopartículas magnéticas para mellorar a inmunoterapia do cancro, mentres que Lucas Van der Hauwaert quedou en segunda posición cun pitch sobre como os biorreactores poden axudar potencialmente a que os produtos sexan máis sostibles
Santiago de Compostela

A sexta edición do Concurso de Pitches de Investigación do Grupo Compostela de Universidades, no que participa a USC, acaba de recoñecer co seu primeiro premio a investigadora do grupo Nanomag, Ángela Arnosa Prieto, polo pitch ‘Magnetic Nanoparticles for Enhancing Cancer Immunotherapy’. Arnosa Prieto, que pertence ao Instituto de Materiais da USC (iMATUS), aborda o uso de nanopartículas magnéticas para mellorar a inmunoterapia do cancro, a través da aplicación de hipertermia magnética.

Pitch de Ángela Arnosa Prieto

Á hora de valorar o pitch, o xurado destacou a “claridade expositiva da súa presentación”, na que explica os “termos clave dun modo no que son comprensibles para o público en xeral”, a pesar de utilizar un discurso especializado. Ademais, estimaron que a investigación desenvolvida por Arnosa Prieto podería ter un impacto significativo na sociedade e a academia. A gañadora é doutoranda do programa en Ciencias de Materiais da USC.

Sustentabilidade

O segundo premio recaeu en Lucas Van der Hauwaert, pertencente ao programa de doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental da USC, investigador do Biogroup e do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). En ‘Alquimia: A modeling framework for biorefinery design integrating predictive bioreactor models’, o investigador expón como os biorreactores poden axudar potencialmente a que os produtos sexan máis sostibles. Así, o seu proxecto de investigación céntrase en atopar deseños de refinerías que incorporen este tipo de reactores.

Pitch de Lucas Van der Hauwaert

Nas súas apreciacións, o persoal académico que forma parte do órgano avaliador sinalou que un elevado número de produtos non son sostibles ao non empregar recursos renovables. Por tanto, trátase dun “problema da sociedade actual que demanda solucións” e o proxecto deste científico “presenta unha idea xeral de como podería analizarse o proceso nun biorreactor sostible”.

Rexeneración ósea

Finalmente, Helena Pereira do programa de doutoramento ‘Líderes para as Industrias Técnicas’ da UMinho obtivo o terceiro premio do certame.  A través da súa investigación, a científica mostra que utilizando fosfatos de calcio degradables é posible obter un substituto con disolución controlada compatible coa taxa de rexeneración ósea. Acerca desta presentación, o xurado do VI Concurso de Pitches de Investigación considerou que realiza unha “boa exposición do problema e do enfoque”, a pesar de que “parece que o proxecto está nunha fase moi temperá”.

O Grupo Compostela de Universidades recoñece a través deste certame aqueles pitches que mellor adapten a súa mensaxe a un público non especializado, transmitan a relevancia da súa investigación e a súa achega á sociedade. Os tres gañadores recibirán premios dunha contía económica de 1.000 euros, 600 euros e 300 euros. Ademais, outorgaráselles un diploma de recoñecemento e darase difusión ás súas investigacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2022.