Ir o contido principal

Dúas traxectorias profesionais vinculadas á USC, recoñecidas pola Fundación Barrié

Dúas traxectorias profesionais vinculadas á USC, recoñecidas pola Fundación Barrié
Dúas traxectorias profesionais vinculadas á USC, recoñecidas pola Fundación Barrié

Os doutores pola Universidade de Santiago de Compostela Antón Barreiro Iglesias e Patricia Sanmartín Sánchez acaban de ser recoñecidos cos premios ás mellores traxectorias profesionais que concede a Fundación Barrié. Ambos os dous desenvolven actualmente a súa actividade investigadora nos ámbitos da Bioloxía na Universidade de Edimburgo (Reino Unido) e da Química en Harvard (EEUU), respectivamente, cunha bolsa de posgrao da Fundación. Patricia Sanmartín Patricia Sanmartín, licenciada en Química pola USC, comezou a súa traxectoria investigadora en 2003 cun proxecto fin de carreira orientado á conservación preventiva e restauración de arte contemporánea. En 2005 pasou a formar parte do grupo GEMAP-USC no que desenvolveu un estudo sobre a avaliación da eficacia e a durabilidade de tratamentos de consolidación e hidrofugación aplicados a rocas graníticas e calcáreas, co que obtivo o Diploma de Estudos Avanzados. En 2007 comezou o seu proxecto de tese doutoral baixo a dirección de Beatriz Prieto e Benita Silva sobre a aplicación da medida de cor a rocas graníticas e organismos fotosintéticos coa fin de implementar unha técnica non destrutiva que permita a monitorización e detección precoz da colonización biolóxica no patrimonio cultural. Durante os anos de doutoramento realizou estadías nas Universidades de Alacante e Milán (Italia). En 2012 doutorouse con Mención europea e «cum laude» pola Universidade de Santiago coa tese ‘ Cuantificación da cor no estudo da formación de biofilms en rocas graníticas do Patrimonio histórico artístico’ e ese mesmo ano recibiu a bolsa de posgrao no estranxeiro da Fundación Barrié. A súa traxectoria investigadora foi premiada en dúas ocasións, na conferencia especializada sobre biofilms que tivo lugar en 2009 na Universidade de Davis (EEUU) e no último congreso español de cor na Universidade de Alacante en 2010. Desde o inicio da súa carreira participou en dúas decenas de proxectos de investigación, sendo actualmente autora de 34 publicacións científicas. Antón Barreiro Licenciado en Bioloxía pola USC, Antón Barreiro comezou a súa carreira investigadora no laboratorio do profesor Rodicio, no Departamento compostelán de Bioloxía Celular, cunha axuda do Ministerio para estudar cuestións relacionadas co sistema neuroanatómico das lampreas. Nese período predoutoral realizou unha estadía na Universidade de Pennsylvania (EEUU) para estudar o emprego desa especie animal como modelo para estudos de rexeneración da medula espinal, liña que continuou á súa volta á USC en 2007. Dous anos máis tarde trasladouse ao Centro para a Neurorexeneración da Universidade de Edinburgo, onde agora volveu coa bolsa da Fundación Barrié. Tamén nese período fixo unha estadía nos Shriners Hospitals for Children Foundation (Philadelphia, USA). Barreiro defendeu en 2010 a súa tese doutoral con Mención europea, traballo que foi recoñecido ese curso co Premio Extraordinario de Doutoramento da USC. Froito das súas investigacións ten publicados 34 artigos científicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2013.