Ir o contido principal

Un dúo de canto e piano abre este martes na Casa do Saber a programación do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2015’

Federico de Michelis, Ana Capetillo e Madalit Lamazares actuarán o martes na Casa do Saber
Federico de Michelis, Ana Capetillo e Madalit Lamazares actuarán o martes na Casa do Saber
O concerto, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comezará ás 20.00 horas e a entrada é de balde para todo o público interesado ata completar aforo

Un dúo de canto e piano abrirá o vindeiro martes, día 27 de xaneiro de 2015, o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2015’, incluída na programación organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, financiado pola USC en colaboración co Concello e a Deputación Provincial de Lugo.

A soprano Ana Capetillo, o baixo barítono Federico de Michelis, acompañados ao piano por Madalit Lamazares, interpretarán o programa ‘Un álbum de viaxe’, que inclúe un amplo e diverso abano de obras de compositores sobradamente coñecidos como o son J. Brahms, O. Respighi, F. Schubert, Edvard Grieg, Benjamin Britten, E. Halffter, J. Sibelius, E. Satie, A. Copland, S. Rachmaninov, C. Gustavino, W. Henrique, M. M. Ponce, R. Prats, J. Guridi, A. Vives, F. Moreno Torroba e R. Chapí. O concerto deste dúo de canto e piano, que tamén está incluído no circuíto AIEnRuta-Clásicos, organizado en colaboración coa Asociación de Intérpretes e Executantes (AIE), desenvolverase a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo. A entrada é libre e de balde para todas as persoas interesadas ata completar aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2015.