Ir o contido principal

O dúo lugués de pito pastoril galego e zanfona ‘Pitanfona’ ofrece este xoves un concerto de presentación na Casa do Saber

Efraím Díaz e José Varela, Pitanfona
Efraím Díaz e José Varela, Pitanfona
José Varela e Efraím Díaz interpretarán un repertorio variado, a partir das 20.00 horas, no marco do ciclo Lubicán 2014. A entrada é de balde ata completar o aforo

O dúo lugués de pito pastoril galego e zanfona Pitanfona ofrecerá este xoves, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto de presentación, no marco do que interpretarán un amplo e variado repertorio de composicións, que abrangue desde cantigas de Afonso X, composicións clásicas e creacións propias, que levará o público de viaxe polo tempo e a historia a través da música. O concerto de presentación de Pitanfona, un proxecto artístico que xurde das inquedanzas de José Varela e Efraím Díaz por mesturar instrumentos dos que case non existen exemplos como conxunto, encádrase dentro do ciclo Lubicán 2014. Este programa, xurdido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, pretende achegar ao público lugués a música de grupos galegos con diferentes estilos e formacións, ademais de potenciar e promover as novas formacións da provincia. A zanfona é un instrumento de corda moi estendido na música europea. Ten unha orixe netamente propia do vello continente, con diversas variantes dependendo da época e da localización xeográfica. Nos seus primeiros pasos como instrumento era coñecido como organistrum. Aínda que hoxe está moi evolucionado, é un dos instrumentos mais antigos que se continúan a empregar tanto en música folclórica, culta ou contemporánea. O pito foi un instrumento de pasatempo pastoril. A súa construción e similar a dunha frauta de bico; a técnica, o rexistro e a articulación da frauta mestúrase coa dixitación, ornamentación e afinación da gaita. O pito estivo a piques de desaparecer. Basilio Carril e Paulino Pérez foron os últimos construtores coñecidos que os fabricaban, tradicionalmente en Mi bemol. Seguindo o modelo de Basilio Carril, Antón Corral retomou a súa construción, coa incorporación da tonalidade de Re. O artesán Miguel Mosquera ampliou a tonalidade a Sol e a Do. José Varela nace en Lugo no ano 1972, e comeza os seus estudos musicais con 7 anos, acadando o grado profesional de violín. Comezou a interesarse na música tradicional e folk, o que o levou a estudar diversos instrumentos tradicionais como gaita ou percusión galega. Comezou o estudo da zanfona da man de Óscar Fernández no conservatorio Folque de Lalín para máis tarde estudar tamén con Anxo Pintos na e-Trad de Vigo. Fixo ademais cursiños de zanfona con xente coma Valentín Clastier, Gilles Chabenat ou Germán Díaz. Como zanfonista, gravou nos discos ‘Nekiño’, de Ghaita Depedra ou co grupo Cantatí no seu traballo ‘Mira cómo veño’. Efraím Díaz nace en Lugo en 1980 e aos 8 anos comeza os seus estudos de gaita galega, frauta e percusión galega co seu pai Cándido Díaz baixo a agrupación Zuncurrundullo de Castroverde. Titulado Profesional e Superior de Percusión, gozou dunha bolsa da Fundación Caixa Galicia para gravar o su primeiro disco ‘Viaje por Kallaikía’ en 2008. Ten exercido a súa labor docente en diversas escolas de música e en conservatorios da provincia de Lugo e Coruña. É músico da Banda Municipal e profesor da Escola Municipal de Música de Lugo onde imparte, entre outras materias, pito pastoril.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2014.