Ir o contido principal

Eclipse total de lúa na madrugada do mércores ao xoves

Eclipse total de Lúa (as horas veñen dadas en Tempo Universal, polo que lles hai que sumar 1 hora)
Eclipse total de Lúa (as horas veñen dadas en Tempo Universal, polo que lles hai que sumar 1 hora)

Na madrugada do mércores 20 ao xoves 21 producirase unha eclipse total de Lúa que será visible na Península Ibérica “onde as condicións meteorolóxicas o permitan”, matiza o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Angel Docobo.
O fenómeno comezará á 1:35 hora peninsular, momento no que o satélite tocará o cono de penumbra proxectado pola Terra. A eclipse parcial iniciarase ás 2:43, mentres que a totalidade se prolongará dende as 4:01 ata as 4:52 horas. O último contacto coa sombra será ás 6:09 horas, e finalmente a eclipse penumbral, e con el o fenómeno no seu conxunto, rematará ás 7:17 horas.
Contrariamente ás eclipses de Sol, nas de Lúa non é necesario protexer a vista para a súa observación, xa sexa a simple vista, con prismáticos ou telescopio.
Segundo informan os responsables do observatorio compostelán, este ano será posible observar outro eclipse de Lúa dende España, neste caso parcial, que terá lugar o 16 de agosto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2008.